Pablo Romero: “Ser sparring de Federer foi unha experiencia impresionante”

FOTO: CLUB DE TENIS DE NIGRÁN // Pablo Romero.

Pablo Romero (Ferrol) é a gran fichaxe do Club de Tenis de Nigrán para a nova tempada. O tenista, que pode presumir de ser sparring de Federer ou de competir contra Wawrinca, é a aposta do club para renovarse. Ata o domingo todo aquel que queira iniciarse coa raqueta, pode participar nas xornadas de portas abertas.

Cando comezou a túa relación co tenis?
Levo toda a vida xogando ao tenis, o meu tío é subcampión galego, o meu pai tamén xogou moito no seu día e tanto eu como os meus irmáns levamos desde ananos xogando. Comecei a competir moi pequeniño alí en Ferrol.

O irte coa túa familia a Madrid aos 15 anos abriuche portas?
Si, había moita diferenza entre Galicia e Madrid. Nas escolas, na capacidade de poder dedicarche profesionalmente, aquí en Galicia é imposible. En Madrid había moitos clubs, academias, torneos… estaba todo moito máis profesionalizado.

Por que animarías a que os nenos proben o tenis?
O tenis é o deporte máis completo que pode practicar calquera neno. Non só traballas o físico, senón que tamén traballas a mente e as habilidades sociais.

A partir de que idade poden anotarse?
Desde os 4 anos ata adultos. De feito, temos equipo masculino e feminino de veteranos e elas son as subcampioas galegas na súa categoría. E a presidenta do club, que é unha das compoñentes do equipo de veteranas, é a campioa galega de +50.

E aqueles adultos que nunca xogaron, pero gustaríalles probar?
Para empezar a xogar ao tenis nunca é tarde, se se ten ganas é suficiente. Tampouco é indispensable ter unha boa condición física. É máis, a xente que empeza vaise sentindo mellor aos poucos e nós adaptamos os adestramentos a cada persoa.

En que consisten os cambios que introducistes no club?
Cambiamos o método. O que buscamos é o desenvolvemento da psicomotricidade desde pequenos, apostamos polo autocoñecemento e queremos facer un seguimento personalizado de cada alumno. Marcar uns obxectivos acordes ás capacidades de cada persoa.

Entre 2005 e 2010 tiveches oportunidade de competir contra grandes nomes do tenis.
Estiven competindo profesionalmente e xoguei moitos torneos future. Tiven oportunidade de xogar contra Wawrinca, Sousa, Verdasco, Ramos Viñolas.

E fuches sparring de Federer xusto antes de que batese a Nadal na final da Caixa Máxica.
Chamoume o que agora é presidente da Federación Madrileña de tenis e díxome que estaban a buscar a un sparring zurdo para xogar con Federer antes da final. Colguei, collín as cousas e funme alí directamente.

Que tal con Federer?
Foi unha experiencia impresionante. Desde o primeiro minuto dáste conta de todo o que rodea á figura de Federer. Saímos un momento a un espazo público e veu toda a xente ao redor del, as cámaras… foi unha experiencia excepcional. E na pista aínda máis impresionante, ver o control que ten sobre a pelota, como facía o que quería, os cambios de ritmo, colocábaas todas na liña… brutal!

Que calidade destacarías del?
O control que ten sobre a pelota. Como é capaz de poñela todo o intre onde el quere. Déronme algunhas directrices para tentar xogarlle como afai xogar Nadal, é dicir con bólas altas, e entón o tentaba saír desas situacións.

Alegrácheste cando finalmente Federer venceu a Nadal?
Convidáronme a ver a final e tiña o corazón partido. Gañase quen gañase alegroume.

Polo menos podes dicir que contribuíches dalgunha maneira a que Federer derrotase a Nadal.
Gustaríame pensar que si (risas).

Anuncios