Exposición do pintor Manuel Vázquez Alemán na Capitanía Marítima de Baiona

A partir de hoxe poderase gozar da pintura de Manuel Vázquez Alemán na Capitanía Marítima da vila de Baiona. A inauguración terá lugar ás 20:30 horas e estará aberta ao público ata o próximo 30 de setembro. Todos aqueles que se acheguen ata o número 20 da rúa Elduayen poderán coñecer a súa obra en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.

Vázquez Alemán, considerado como un dos poetas gráficos de Galicia, deu forma a esta exposición con pinturas de temáticas variadas. O pintor consolidouse co paso dos anos en mestre do dominio da cor e dos matices lumínicos, convertendo cada unha das obras nunha experiencia para os sentidos do público. «Utilizando de maneira libre a cor, o proceso creativo da miña obra comeza desdebuxando os temas para finalmente facelos recoñecibles. Pretendo coas miñas pinturas renovar o meu propio mundo plástico e sempre aplicando aos cadros un cariz expresivo co trazo e a paleta», asegura.

Manuel Vázquez Alemán (Santiago de Compostela, 1946) realiza a súa primeira exposición en 1964 no Círculo das Artes de Lugo, para anos despois continuar co traballo expositivo con máis de medio centenar de mostras en cidades como Baiona, Vigo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Ponferrada, Santiago e Madrid, e tamén noutros países como Francia e Portugal. O artista está representado en coleccións institucionais e privadas de España, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Gran Bretaña, Noruega, Portugal, Hong Kong, EEUU, Arxentina e México, entre as que destacan a Colección Príncipe de Asturias, Presidencia da Xunta de Galicia, Fundación Rodríguez Iglesias, Museo «M. Torres» (Marín-Pontevedra), Colección Paradores Nacionais e Casa de Brasil (Madrid), entre outras.

Anuncios