Concello de Vigo e IEM organizan un paseo literario e toponímico pola ría de Vigo e as illas Cíes

FOTO: TURISMO.GAL

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, organiza próximo sábado 29 de setembro o paseo literario «Fantasía e realidade de Verne en Vigo, II: A ría de Vigo e illas Cíes», guiado por Eduardo Rolland (experto no autor Jules Verne) e Ledicia Costas (autora da novela «Jules Verne e a vida secreta das mulleres plantas»). Durante a travesía leranse pasaxes do capítulo “A badía de Vigo” de “20.000 leguas baixo dos mares”, xunto á narración da batalla de Rande seguindo o guión do propio capitán Nemo a bordo do Nautilius e da vida secreta das mulleres planta.

-Visita ao miradoiro, na ruta do Alto do Príncipe. Conversa arredor de Jules Verne e o empresario vigués Antonio Sanjurjo Badía. Narración da fantasía desta relación e da realidade dos feitos históricos.

-Visita ao faro. Narración da entrada do Nautilus na ría de Vigo o 18 de febreiro de 1868 así como das dúas visitas a Vigo de Jules Verne a bordo do Saint Michel III. Explicación de curiosidades da Illa Sur na ficción literaria das mulleres planta.

O prezo para participar é de 10 euros, incluíndo a travesía e paseo (non inclúe a comida, pódese xantar nos restaurantes das illas). As reservas de praza poderán facerse desde o 17 de setembro de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas no teléfono do Instituto de Estudos Miñoráns (986 36 05 75). Teñen que indicar o nome e apelidos, o documento de identidade, a idade e un teléfono de contacto. De lle confirmar a praza, deberán facer o aboamento na conta corrente 2080.5035.07.3040014164 de ABANCA, indicando no concepto “Cíes” acompañado dos números de viaxeiros que se lle outorgasen na reserva telefónica. Logo hai que enviar o comprobante do ingreso ao correo electrónico oficina@iem.gal. De non enviar o comprobante antes do día 24 de setembro, será eliminada esa reserva.

PROGRAMA
9:00h: Reunión no embarcadoiro.
9:30h: Saída do barco cara ás Cíes.
11:00 a 14:00h Percorrido polas illas de Monteagudo e do Faro guiado.
Tempo libre.
17:00h: Reunión no embarcadoiro.
17:30h: Saída rumbo a Vigo.