Anuncios
Ticker de novas

Gondomar sae á rúa para reclamar un transporte digno

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Manifestación por un transporte digno en Gondomar.

Veciños e veciñas de Gondomar manifestáronse este sábado para conseguir a reposición e a mellora do servizo de transporte colectivo no municipio. A marcha, convocada pola Asemblea Veciñal por un Transporte digno para Gondomar (AVTG), partiu desde a estación de autobuses ata o Concello, onde se leu o manifesto, reclamando a inclusión de Gondomar no transporte metropolitano e criticando as reiteradas supresións nas liñas e frecuencias.

A actitude da Xunta, aseguran, impide que as veciñas e veciños poidan usar a Tarxeta Metropolitana nos seus desprazamentos desde e cara a Gondomar, pagando billetes por encima do triplo do que custarían coas bonificacións da tarxeta. Os mozos menores de 19 anos tampouco teñen dereito a viaxar gratis como os do resto do Val Miñor e “non conforme con iso, sóbennos as tarifas incrementando o prezo dos billetes ata un 20%”.

Pero os agravios non finalizan aí segundo os manifestantes. No historicamente precario transporte de viaxeiros entre Gondomar e os concellos limítrofes os usuarios non poden viaxar en ATSA directamente desde a vila a Vigo, non hai transporte ao CUVI, nin interparroquial nin co resto do Val Miñor, e desde o 30 de xullo a empresa Melytour eliminou varias das frecuencias entre Gondomar e Vigo e moitas das máis necesarias que comunicaban as parroquias coa vila de Gondomar e con Vigo.

“Non entendemos que os nosos gobernantes poñan os informes económicos das empresas por diante dos intereses dos veciños, por diante dun servizo público imprescindible como é o transporte público colectivo. E non entendemos por que outorgan as reducións que as empresas de transporte solicitan sen previamente contrastar e poñer en común cos colectivos aos que lles vai a afectar, sen acordalas. Non entendemos que, a pesar de contar con dúas empresas de transporte operando en Gondomar, por culpa das decisións tomadas desde a Xunta, teñamos o peor servizo de transporte de toda a área metropolitana de Vigo e o máis caro con diferenza”, concluíron.

O pasado 21 de agosto a Asemblea Veciñal por un transporte Digno para Gondomar presentou no rexistro xeral do Servizo de Mobilidade da Xunta en Pontevedra, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, 1.105 firmas reclamando a inclusión de Gondomar no transporte metropolitano e un documento no que se recollen as críticas e reclamacións a respecto das reiteradas supresións nas liñas e frecuencias.

Os veciños afectados polo cada vez máis “pequeno e deficiente” servizo de transporte colectivo de viaxeiros solicitaron unha reunión coa Conselleira, Ethel Vázquez, desde o 4 de maio deste ano, sen obter resposta. “Non entendemos como se pode permitir semellante desprezo”.

Reproches ao alcalde e aos grupos da oposición

Non faltaron os reproches cara á corporación municipal. A AVTG pediu sen éxito a todos os partidos políticos o seu apoio á convocatoria facendo un chamamento público á participación. Aínda que agradeceron a presenza do alcalde na manifestación, os veciños e veciñas lembráronlle “que hai que estar sempre, non só cando hai cámaras”.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios