Anuncios
Ticker de novas

Esgotadas en catro días as 300 prazas para a Depo Andaina de Gondomar

Tan só catro días despois de que a Deputación de Pontevedra abrira o prazo de inscrición xa están cubertas as 300 prazas para a “Depo Andaina” de Gondomar. Esta actividade, coa que pecharase a terceira edición do programa da institución provincial, consistirá nunha ruta de dificultade media e cun percorrido de 12,4 quilómetros que partirá do casco urbano de Gondomar para visitar algúns dos moitos atractivos do municipio do Val Miñor.

Esta última cita das “Depo Andainas” ten como punto de saída o centro da localidade, desde onde a ruta discorrerá ata o paseo fluvial, no que se virará cara a Ponte das Ánimas seguindo o curso do río ata chegar á aldea de Rasas. Alí comezará unha subida que permitirá observar numerosos muíños ata chegar a Couso e a súa igrexa. A partir deste punto comezarase a baixada, seguindo os regatos e volvendo ao punto de partida.

Esta ruta ten como actividade complementaria un pequeno obradoiro sobre sendeirismo no que se explicarán as sinalizacións máis habituais, o seu significado, o grao de dificultade, cómo interpretalas e os consellos e precaucións a seguir á hora de facer unha ruta.

Anteriormente, durante este 2018, as “Depo Andainas” percorreron As Neves, Moaña e Illas Cíes, o Castelo de Sobroso e a Serra do Candán.

Anuncios