Comeza en Camos un obradoiro de cociña, alimentación e hábitos saudables

A partir deste luns un total de 618 mulleres e homes de 18 concellos da provincia comezarán os cursos programados do programa “Conectadas 2018”, a iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada á promoción e desenvolvemento da igualdade. No Val Miñor, en Nigrán, 19 persoas da Asociación de Veciños A Camoesa da parroquia de Camos participarán nun obradoiro de cociña, alimentación e hábitos saudables os mércores de 17:30 a 20:30 horas.

“Conectadas 2018” é un programa da Deputación de Pontevedra destinado a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e empoderamento, así como a paulatina consecución do obxectivo da igualdade de mulleres e homes. Neste ano, conta cun orzamento de 324.000 euros e desenvólvese a través de 46 accións formativas distribuídas en 8 bloques temáticos: “Muller emprende: iniciativas sostibles para o emprego”, “Muller e cultura: Artes Visuais”, “Actualízate”, “Coas túas mans”, “Porque ti o fas”, “Súmate ao cambio”, “Ponte en forma” e “Coidados persoais”. En 2017 beneficiáronse desta iniciativa un total de 343 entidades pertencentes a 60 concellos da provincia, o que supuxo que preto de 5.500 persoas participaran nas distintas actividades programadas.