Anuncios
Ticker de novas

Triunfo solidario de Denis Incutti e María Lois no Vertiatlón de Baiona

A vila mariñeira de Baiona acolleu este sábado, por cuarto ano consecutivo, a celebración do Vertiatlón Solidario, un tríatlon benéfico organizado co obxectivo de recadar fondos para a Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade do Monte Real Club de Yates.

Nun día no que a néboa quixo ser a protagonista, máis de 200 atletas chegados de toda Galicia participaron nun reto deportivo de 750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira, que o máis rápido puido completar sen cruzar a fronteira da hora.

59 minutos e 7 segundos foi a gran marca de Denis Incutti, vencedor da cuarta edición do Vertiatlón na categoría absoluta. O deportista, do Club Natación Riveira, cimentou a súa vitoria na proba de carreira, na que logrou sacar unha maior vantaxe aos seus competidores, completando os 5 quilómetros ao redor do Parador Nacional de Baiona en apenas 17 minutos e 36 segundos.

O segundo e terceiro posto foron para Xoel Rodríguez, do Club Tríatlon Mar de Vigo, e Pedro Pablo Bernárdez, do Tríatlon Vilagaría Atenas Running, que cruzaron a liña de chegada separados por apenas 5 segundos. Fixérono, ademais, a menos de 30 segundos do gañador, o que demostra a gran calidade dos participantes e a gran rivalidade que se puido ver no tríatlon baionés.

Ao máis alto do podio feminino da categoría absoluta subiuse María Lois, do Arcade Inforhouse de Santiago, cunha marca dunha hora, 12 minutos e 9 segundos. Tras recoller o premio recoñeceu que a natación foi a proba que peor se lle deu, pero logrou recuperar o liderado coa bicicleta e nos últimos 500 metros de carreira foi onde sentenciou. Antía Pazos do Club Tríatlon Mar de Vigo e María Casaleiro con licenza dun día pecharon o trío de gañadoras coa prata e o bronce da categoría feminina absoluta.

Os primeiros postos da categoría de veteranos asináronos Pedro Pablo Bernárdez, do Tríatlon Vilagarcía Atenas Running, que finalizou a proba nunha hora e 35 segundos; Xacob Agra, con licenza dun día; e Juan Agrasar, do Motorbike Galaico de Pontevedra.

Na división júnior os gañadores foron os mesmos que levaron a vitoria da categoría absoluta: Denis Incutti e María Lois. E as segundas posicións ocupáronas Cibrán Leal, do Motorbike Galaico de Pontevedra; e Marta Rial, do Club Tríatlon Mar de Vigo.

O máis rápido entre os atletas máis novos, agrupados na clase cadete, foi Xoel Rodríguez, do Club Tríatlon Mar de Vigo. Compartiu podio con Xosé Pérez, do Beariz Tríatlon; e Yago Carballo, do Club Tríatlon Mar de Vigo, que se tiveron que conformar coa prata e o bronce respectivamente.

Do Club Tríatlon Mar de Vigo, o que máis premios recompilou nesta cuarta edición do Vertiatlón Solidario de Baiona tamén foi a gañadora da categoría feminina cadete, Antía Pazos, cunha marca dunha hora e 12 minutos.

Na entrega de premios celebrada no Monte Real Club de Yates tamén tiveron un recoñecemento especial os máis rápidos entre os atletas locais, e David Giráldez e Sandra Santodomingo recibiron de mans do alcalde de Baiona, Ángel Rodal, os premios aos mellores clasificados censados na vila mariñeira.

O rexedor baionés mostrouse moi orgulloso do éxito da competición, que o concello coorganiza desde fai catro anos co Monte Real Club de Yates e grazas ao patrocinio de Verti Seguros. “Trátase -dixo Ángel Rodal- dun tríatlon único en España, xa que todas as probas transcorren mirando ao mar, nunha paraxe de indiscutible beleza como é Baiona e, aínda por riba, cun fin solidario”, asegurou.

Nesa mesma idea, de solidariedade entre deportes, incidiu o vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza, tras recoller de mans da directora executiva de Verti, Irene García, o cheque coa recadación das inscricións, por valor de 5.513 euros. Un diñeiro que, nesta edición, achegaron as empresas Infinitus Rent e Foxy, permitindo que os máis de 200 atletas competisen de forma totalmente gratuíta.

“Todo o diñeiro será destinado -dixo Retolaza- á Escola de Vela Adaptada e permitirá que moitas persoas con distintas discapacidades poidan sentirse máis libres, máis capaces e máis integradas na sociedade, podendo navegar en igualdade de condicións e gozando dun mar que, está máis que demostrado, que lles resulta moi beneficioso”.

Creada no ano 2012 baixo o lema de “Vela para todos”, a Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates ten como principal obxectivo achegar ao mar a persoas con diversidade funcional, para que poidan navegar en igualdade de condicións, en instalacións sen barreiras e a bordo de barcos adaptados. O traballo realizado desde entón fixérona merecedora de varios recoñecementos tanto a nivel nacional como internacional.

Durante a celebración da cuarta edición do Vertiatlón Solidario, o público asistente puido coñecer máis de preto o 4LL, un novo barco adaptado deseñado polo ferrolán Javier Cela e construído por Rompeolas Boats que permaneceu exposto nas instalacións do Monte Real. É unha nova embarcación que facilita o embarque e navegación de persoas en cadeira de rodas, xa que é completamente accesible e permite realizar as manobras desde a propia cadeira.

GANADORES DEL IV VERTIATLÓN SOLIDARIO

CATEGORÍA: ABSOLUTA MASCULINA
1. DENIS INCUTI • CLUB NATACION RIVEIRA
2. XOEL RODRÍGUEZ • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO
3. PEDRO PABLO BERNÁRDEZ • TRIATLÓN VILAGARCÍA ATENAS RUNNING

CATEGORÍA: ABSOLUTA FEMENINA
1. MARÍA LOIS • ARCADE INFORHOUSE DE SANTIAGO
2. ANTÍA PAZOS • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO
3. MARÍA CASALEIRO • LICENCIA DE 1 DÍA

CATEGORÍA: VETERANOS
1. PEDRO PABLO BERNARDEZ • TRIATLÓN VILAGARCÍA ATENAS RUNNING
2. XACOB AGRA • LICENCIA DE 1 DÍA
3. JUAN AGRASAR • MOTORBIKE GALAICO DE PONTEVEDRA

CATEGORÍA: VETERANAS
1. SANDRA SANTODOMINGO • ATLETISMO BAIONA
2. ANA MARÍA RUIZ • LICENCIA DE 1 DÍA
3. LUCÍA GARCÍA • LICENCIA DE 1 DÍA

CATEGORÍA: JUNIOR MASCULINA
1. DENIS INCUTTI • CLUB NATACIÓN RIVEIRA
2. CIBRÁN LEAL • MOTORBIKE GALAICO DE PONTEVEDRA

CATEGORÍA: JUNIOR FEMENINA
1. MARÍA LOIS • ARCADE INFORHOUSE DE SANTIAGO
2. MARTA RIAL • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO

CATEGORÍA: CADETE MASCULINO
1. XOEL RODRÍGUEZ • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO
2. XOSÉ PÉREZ • BEARIZ TRIATLÓN
3. YAGO CARBALLO • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO

CATEGORÍA: CADETE FEMENINA
1. ANTÍA PAZOS • CLUB TRIATLÓN MAR DE VIGO

PRIMEROS CLASIFICADOS CENSADOS EN BAIONA
• DAVID GIRÁLDEZ
• SANDRA SANTODOMINGO

Anuncios