Anuncios
Ticker de novas

Baiona abre o prazo para a instalación de postos na Romaría de San Cosme e San Damián

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Romaría de San Cosme e San Damián.

O Concello de Baiona xa abriu o prazo para a presentación de solicitudes de venda ambulante durante a Festa da Mel e as Noces que celebrarase os vindeiros 25 e 26 de setembro co motivo da Romaría de San Cosme e San Damián.

Case un centenar de postos de venda (produtos do campo, comida, artesanía e plantas) poderán instalarse este ano nunha nova edición da Festa da Mel e das Noces de Baiona, organizada pola Concellería de Cultura para manter viva as tradicións e costumes da Vila durante a Romaría de San Cosme e San Damián. O prazo de solicitudes xa está aberto e se pechará o vindeiro 21 de setembro (para máis información poñerse en contacto no número de teléfono 986385921).

Entre o 25 e o 26 de setembro, este último festivo local en Baiona, ofícianse actos relixiosos na honra dos santos e como obriga a tradición, algúns romeiros ofrecerán os seus produtos do campo, figuras de cera e donativos en agradecemento polos favores recibidos.

Durante dous días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden mercar todo tipo de produtos do campo, dende mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía, etc. O mercado estenderase tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

Ademais, o mercado será amenizado coas actuacións de grupos folclóricos, pandereteiras e pasarrúas. As festas comezarán o luns ás 11:00 horas coa tirada de fogos e as 12:00 horas levarase a cabo, no Salón de Plenos do Concello, a entrega da distinción honorífica de “Fillo Adoptivo de Baiona” ao Doutor Lorenzo Pousa.

ROMARÍA DE SAN COSME E SAN DAMIÁN

Anuncios