
Este xoves, S4 Asesores y Consultores inaugurou a súa nova Sede Social en Gondomar, situada na Avda. Elduayen nº 22 (baixo). O evento, que comezou ás 19:00 horas e estendeuse durante máis de dúas horas, contou coa asistencia de máis dun centenar de clientes e amigos que puideron gozar dun cóctel de celebración nun ambiente distendido e preparado especialmente para a ocasión.
O momento máis emotivo viviuse ás 20:00 horas, cando deu comezo o acto protocolario. A primeira intervención veu da man de Alfredo Blanco, Director Xeral do Grupo S4, quen agradeceu aos asistentes a súa confianza e apoio nun día tal especial á vez que lembraba como o evento “materializaba o comezo dun ciclo orientado cara ao futuro co obxectivo de seguir manténdonos á vangarda do sector e ofrecer un asesoramento líder orientado cara á excelencia”.
Tras a súa intervención tomou a palabra Rosa Hermida, Directora da Oficina, quen agradeceu o apoio dos alí presentes ao longo de toda a historia de S4 Asesores y Consultores e dedicou unhas palabras aos membros do seu equipo. “Desempeñades un papel fundamental e, como a pequena gran familia que hoxe conformamos, teño que agradecer a vosa perseveranza, compromiso, ilusión e espírito de superación. Sodes cómplices do cambio”, indicou.
En senllos discursos falouse, igualmente, da importancia da Responsabilidade Social Corporativa neste novo ciclo que comeza. Tal e como puntualizou Alfredo Blanco, “S4 é moito máis que unha asesoría. Somos persoas que coidamos das persoas e dos seus negocios e, por iso, cada unha das nosas accións virará sobre unha estratexia común: promocionar, mellorar e poñer en valor o Val Miñor, as nosas empresas, as nosas organizacións e organismos, seguindo a liña que xa marcaron as nosas colaboracións co Centro Juan María, a organización do Torneo de Tenis Trofeo S4 Asesores durante máis de dez anos ou o apoio ao Club de Patinaxe de Gondomar para facilitar o seu camiño cara ao Mundial de Asia”.
A celebración continuou durante máis dunha hora na que houbo lugar tanto para lembrar anécdotas, falar do futuro pero, sobre todo, para o agradecemento.