Anuncios
Ticker de novas

Nigrán renueva la iluminación de la Avenida Castelao con 29 nuevas farolas LED

O Concello de Nigrán, a través da empresa Ildenor, está a substituír os 29 farois da Avenida Castelao de Panxón por outros 29 novos puntos de iluminación con tecnoloxía LED por importe total de 39.748 € dos que a Xunta subvenciona 24.000 €. Moitos dos antigos báculos estaban oxidados ou mal ancorados e as luminarias de vapor de sodio acadaran o fin da súa vida útil, prexudicando ao seu rendemento, calidade e consumo elevando os custes de mantemento. O cadro eléctrico, moi obsoleto, tamén será substituído e está previsto que as obras rematen esta semana.

“Era unha rúa con constantes problemas nos farois, con zonas con exceso de luz e outras deficitarias pese a tratarse dunha avenida estratéxica que conecta coa praia, pavillón ou o centro de saúde”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide na aposta do goberno local polo emprego da tecnoloxía LED seguindo un criterio de sustentabilidade ambiental e aforro enerxético.

Esta actuación supón a substitución de todos os báculos por outros novos de aceiro galvanizado quente altamente resistentes; substitución das luminarias actuais de vapor de sodio por outras novas de tecnoloxía LED de menor potencia e regulación de fluxo; e, finalmente, substitución do cadro de alumeado.

A esta renovación hai que sumarlle os outros 40.000 € empregados anteriormente para a renovación da rúa Arquitecto Palacios e, tamén en Panxón, 8.712 euros achegados a través do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra para o cambio dos farois do paseo marítimo. A maiores, o Concello vén de investir 5.000 euros no cambio das luminarias do centro urbano de A Ramallosa. En todos os casos pasouse de iluminación mediante vapor de sodio a LED.

“O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio”, indica González. De feito, como xa se fixo hai tres anos en todo o centro urbano de Nigrán, a nova medida suporá reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.

Anuncios