
María Castro comezou hoxe a celebración da súa voda con Jose Manuel Villalba coa plantación de 100 carballos autóctonos na contorna da Virxe da Rocha, en Baiona, tarefa na que contou coa axuda dalgúns invitados, veciños voluntarios e usuarios do Centro Juan María de Nigrán. Tamén colaboraron o alcalde, Ángel Rodal, e as concelleiras Mª Carmen Paredes e Mª Jesús Martíns.
“Este primeiro día foi idea da miña parella, o certo é que cando todo isto foi devastado o ano pasado polo lume, sufrín moitísimo porque todos saben que se algo son é galega e moi de Baiona”, relatou a actriz. Igual que foron os veciños e veciñas os que loitaron contra as chamas, agora a idea era que tamén colaborasen en tentar que a zona se poida repoboar.
“Falei coa Comunidade de Montes e faláronme deste sitio porque ten unha rega instalada hai pouco que funciona moi ben para que as árbores saian adiante, por suposto autóctonas, 100 carballos autóctonos, duns 60 centímetros máis ou menos e son de semente”. Ao finalizar o traballo, todos os participantes puideron gozar dunhas empanadas galegas.
Mañá sábado, a celebración da voda será no Parador Nacional de Turismo “Conde de Gondomar”. “É unha voda de día porque hai moitos nenos, temática, e un pouco mestura galego-valenciana, porque ten que haber das dúas partes para que ninguén se me cele”. Finalmente, na xornada do domingo visitarán as Illas Cíes, “porque hai moita xente que vén de fóra e dábame moitísima pena que tendo unha terra como a que temos non coñecesen ese paraíso que está enfronte. Colleremos un barco e iremos pasar o día alí, con produtos da terra, como queixo de Arzúa, lacón, xoubiñas…”.
Por que Baiona?
Moi emocionada, á pregunta de Por que Baiona?, María Castro respondeu “Nacín en Vigo, son viguesa de sangue, pero a miña alma está aquí, veraneei aquí desde nena, e de feito viñamos xogar aquí cos amigos, ao monte, e non quero ver isto así, imos tentar que isto vaia adiante e logo o Parador porque cantas veces dei a volta por abaixo, pois agora quero velo desde dentro”.