Anuncios
Ticker de novas

Baiona agradece a María Castro a súa implicación na reforestación do monte tras os incendios

O Concello de Baiona brindou esta mañá unha recepción a María Castro Jato co fin de agradecerlle a súa implicación na reforestación do monte de Baiona tras os incendios do ano pasado. O Alcalde, Ángel Rodal, e a Primeira Tenente de Alcalde, María Iglesias, reuníronse coa actriz para mostrarlle o seu agradecemento e polo tanto o de todos os veciños e as veciñas da Vila. Rodal mostrou a súa satisfacción por esta visita que tivo un carácter especial, pola motivación do encontro e a estreita relación existente entre a actriz e o Concello de Baiona, unha vinculación que foi sempre en beneficio da imaxe do municipio.

O Alcalde e a Primeira Tenente de Alcalde fixéronlle entrega dunha lámina de Irene Silva, artista de Belesar, un dos grandes referentes da cultura galega neste ámbito. A imaxe que se elixiu é a da Virxe da Rocha, en recordo do lugar no que se levou a cabo a plantación que tivo lugar esta mañá e un símbolo identificativo de Baiona, para que a actriz leve este bonito recordo a Madrid e esta peza característica da nosa cultura galega. Rodal lembrou o compromiso de Castro, nacida en Vigo, aínda que está moi unida ao municipio veciño de Baiona, onde veranea desde que era pequena e onde escápase sempre que pode, non só co Concello, senón cos veciños e veciñas e a sociedade baionesa.

A actriz comprometeuse no programa “El Hormiguero” de Antena 3, tras a súa pedida sorpresa de matrimonio ante os telespectadores e o propio Pablo Motos, e na que o seu futuro marido, José Manuel Villalba, propoñía un plan para a súa voda: “Van ser tres días, se che parece ben”, explicaba, “venres, sábado, domingo, o venres como será en Baiona, gustaríame que fósemos a reforestar con xente de Baiona”, dicíalle José Manuel Villalba, “en serio?”, preguntaba emocionada María Castro, “si, eu comprométome a convidar a viño, cervexa e empanada á xente do pobo que estivo alí con cubos”, referíndose á recente vaga de incendios que golpeou con especial virulencia a zona o pasado mes de outubro.

María Castro e o seu futuro marido cumpriron a súa palabra e tras a especial recepción no Concello de Baiona, dirixíronse, acompañados polo Alcalde e os concelleiros, ao Parque Mercedes de la Escalera, lugar onde se alza o monumento á Virxe da Rocha, un lugar onde a actriz xogou moitas veces na súa infancia, para comezar a reforestación cun centenar de veciños e veciñas na que tamén participaron os seus familiares, e levar a cabo a plantación de 100 árbores autóctonas e logo realizar a posterior celebración.
Por todo iso, Ángel Rodal reiterou o seu agradecemento pola iniciativa e por sempre ser embaixadora da Real Vila. O Alcalde declarou que “é un auténtico pracer para Baiona ter unha veciña adoptiva tan comprometida como ela e agradeceulle que o nome da localidade vinculásese á súa exitosa traxectoria. Quero agradecer pola súa gran implicación coa nosa terra a María Castro esta bonita iniciativa. E por suposto tamén, grazas a todos e cada un dos que viñestes axudar. Sen o voso apoio e a vosa colaboración este bonito proxecto non podería levarse a cabo. Grazas por compartir este día connosco”, finalizou o Alcalde.

A iniciativa da reforestación foi proposta pola actriz e contou coa colaboración da Comunidade de Montes de Santa María de Afora de Baiona, e co Concello, e polos veciños e veciñas da Real Vila que se puxeron ao choio e plantaron uns cen carballos autóctonos entre risas e bo facer. María Castro, quen deu os seus primeiros pasos na localidade, fará realidade un dos seus soños este fin de semana: casar en Baiona.

No ano 2009 María Castro recibiu a Carabela de Ouro, un galardón que outorga o Concello de Baiona a aquelas persoas ilustres de fóra do municipio para recoñecer publicamente todas aquelas accións realizadas que leven consigo o engrandecemento de Baiona. A súa exitosa traxectoria e os seus vínculos coa vila fixérona digna deste recoñecemento. Así mesmo, o Alcalde, Ángel Rodal, converteuse o pasado ano en presidente da Asociación de Villas Marineras. O rexedor, que asumiu o cargo por dous anos, propuxo á actriz María Castro como candidata ao terceiro Premio Villas Marineras polo seu labor de divulgación e foi galardoada co devandito premio.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

Anuncios