Anuncios
Ticker de novas

O PP cualifica de “fracaso estrepitoso” a planificación turística dependente da Deputación

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O grupo provincial do Partido Popular solicítalle á presidenta Carmela Silva que convoque con urxencia unha xuntanza do sector e os alcaldes para analizar o “fracaso estrepitoso” da planificación turística dependente da Deputación de Pontevedra e presentará no Pleno de mañá unha moción neste sentido.

O voceiro do PP no ente provincial, Ángel Moldes, sinalou que “é o peor ano na historia da Deputación de Pontevedra en canto á xestión e planificación dos aspectos turísticos onde ten competencias facendo que concellos como os do Grove, Sanxenxo, A Illa, A Guarda, A Estrada ou Baiona non contaran co necesario reforzo de persoal para as oficinas de turismo. Onde ten competencias fallou en todo con oficinas que a día de hoxe non se puideron abrir, noutras tiveron que facer os alcaldes de motu propio un esforzo dedicando persoal para poder atendelas en condicións, co prexuízo económico e sobrecarga de persoal para eses concellos para intentar cubrir as horas necesarias que precisa ese servizo. Algún aínda sigue esperando a que lle envíe a Deputación o persoal necesario”.

Moldes achaca este fracaso organizativo a un problema de “inxerencias” da propia presidenta da Deputación, Carmela Silva. “Isto todo prodúcese por unha nova intromisión da Sra. Presidenta. Antes funcionaba ben, porque antes eran os propios alcaldes e os concellos os que facían a convocatoria para coller ese persoal de reforzo e este ano se apostou por un modelo que dicían que ía ser impresionante, cunha imaxe corporativa propia da Deputación, que todo ía estar xestionado pola Deputación e resulta que non foron capaces de cubrir esa convocatoria e non sabemos porque foi, si porque non eran atractivos nin os soldos nin os horarios,… O que si sabemos é algo que funcionaba moi ben, porque eran os propios concellos os que facían as convocatorias para cubrir eses postos, agora resulta que é un fracaso porque, neste caso, a Deputación quixo meterse neste fregado e non foi quen de sacalo adiante satisfactoriamente posto que nin cubriu as prazas nin resolveu o problema aos concellos en materia de información turística”, asegurou Ángel Moldes.

Ante este fracaso o voceiro popular mantén a necesidade de convocar unha xuntanza no derradeiro trimestre do ano no que participe o sector e os alcaldes e se poda “analizar porque houbo este fracaso estrepitoso neste verán por parte das competencias que ten asignadas a Deputación en turismo. Esperamos que nesa reunión se lle dea voz aos alcaldes, se lles deixe facer preguntas e se lles explique cal é o motivo de non ter persoal no mes de setembro e poder así planificar mellor de cara ao vindeiro ano e non se repitan os mesmos erros desta época estival onde moitas oficinas non puideron permanecer abertas o tempo preciso como sucedía noutros anos anteriores”.

“ESTUDIOS ESTRATÉXICOS QUE QUEDAN MOI BEN SOBRE O PAPEL, PERO QUE NON RESOLVEN NADA NA PRÁCTICA”

Moldes defendeu este método fronte a políticas mediáticas sen efecto práctico e sinalou que “estamos cansos de estudios estratéxicos que quedan moi bonitos nos papeis, pero que á hora da realidade non son implementados na práctica e non resolven nada, todo o contrario… e así temos como concellos como o de Baiona en pleno mes de setembro non ten persoal para abrir as oficinas”.

Finalmente, Moldes criticou que a presidenta da Deputación saíra nos medios de comunicación ofrecendo uns datos sobre ocupación turística “que non son da súa competencia e que non sabemos de onde sacou. Queremos que cite as fontes porque os verdadeiramente oficiais ofrécense tradicionalmente entre o 24 e o 27 de setembro polo INE e é dos que se fai eco a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta. Non é que dubidemos da súa autenticidade, pero hai moitos datos facilitados pola presidenta que resultan sorprendentes”.

O voceiro popular asegura que “sae así ante os medios de comunicación porque non pode facerse fotos con obras ou inversións reais en infraestruturas por parte da Deputación e polo tanto sae nunha rolda de prensa dando datos que non sabemos de onde saen e si son certos ou non… cada certo tempo sae dando unha rolda de prensa sobre turismo onde non ten competencias e sobre as que ten non dá unha resposta satisfactoria da súa xestión ni ante o sector nin ante os alcaldes”, concluíu Ángel Moldes.

Anuncios