Anuncios
Ticker de novas

Gondomar ofrece dous fins de semana de tapas a 2,50 euros

Este xoves presentouse na Casa da Cultura de Gondomar a sexta edición de “As Tapas do Conde”, que se desenvolverá durante os dous próximos fins de semana organizada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Concellería de Comercio de Gondomar. O acto contou coa presenza do alcalde, Paco Ferreira, o concelleiro de Comercio, Xosé Antón Araúxo, Esther Lorenzo, membro da Xunta Directiva de OVALMI, e unha representación dos establecementos participantes.

Os días 14, 15, 16, 21, 22 e 23 de setembro, 13 establecementos de Gondomar ofrecerán 25 tapas por tan só 2,50 euros. Durante as dez xornadas, os veciños, visitantes e turistas poderán degustar gran variedade de elaboracións, por exemplo cornete de pistacho, bacallau con garavanzos, chipiróns encebolados, torta de vieira con pisto de fungos, salpicón de marisco e dijon, filloa rechea de crema de noz, flan, leite frito, crema de pexego, torta de chocolate branco con noces… entre moitas outras delicias.

Os consumidores decidirán ademais cos seus votos cal é a tapa gañadora nas categorías doce e salgada. Entre os participantes sortearase un teléfono móbil Wiko View 2 Go de 32 GB. Para participar hai que selar o gastromapa en catro locais diferentes.

Os establecementos participantes son Restaurante Pazo da Escola (Mañufe), Restaurante La Vitrola, A Bodega do San Xoán, Bocatería Lalo’s, Cafetería Keik, Cafetería Alameda, Bar Couso, Café Bar Estanco, Tapería A Galiña, Jamonería Tapería Bastión, Tapería Adechape, Tapería Café As Novas Torres e Restaurante Casa Soleiro.

Desde OVALMI, queren agradecer a colaboración do Concello de Gondomar e a total implicación da hostalería da Vila, sen a cal a realización deste tipo de eventos sería imposible. Ademais convidan a todos a que visiten Gondomar, gozar dunha deliciosa tapa e participen no concurso.

Anuncios