Sin categoría

Baiona abre o prazo de solicitudes para instalar postos na Romaría de San Cosme e San Damián

O Concello de Baiona abre mañá o prazo para a presentación de solicitudes de venda ambulante durante a Festa do Mel e as Noces que se celebrará os próximos 25 e 26 de setembro co motivo da Romaría de San Cosme e San Damián. Case un centenar de postos de venda (produtos do campo, comida, artesanía e plantas) poderán instalarse este ano. O prazo de solicitudes pecharase o próximo 21 de setembro. A solicitude e a declaración responsable pódense descargar da páxina web do Concello (www.baiona.org). Para máis información chamar ao teléfono 986 385 921.

O 25 e o 26 de setembro, este último festivo local en Baiona, ofícianse actos relixiosos na honra dos santos e como obriga a tradición, algúns romeiros ofrecerán os seus produtos do campo, figuras de cera e donativos en agradecemento polos favores recibidos. Durante dous días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden comprar todo tipo de produtos do campo, desde mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía, etc. O mercado estenderase tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

Ademais, o mercado estará amenizado coas actuacións de grupos folclóricos, pandeireteiras e pasarrúas. As festas comezarán o martes ás 11:00 horas coa tirada de lumes e as 18:00 horas levará a cabo un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas “Os Trebellos” de Baíña polo recinto de Santa Liberata.

O mércores día 26, día principal da Romaría e festivo local, haberá misas ás 8 e 9 da mañá na capela de Santa Liberata. Ás 11:00 horas e, tras a tirada de bombas de palenque, sairá a procesión que percorrerá as rúas do casco antigo, acompañada polo grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona, e a continuación, ás 12:00, terá lugar a Misa Solemne na ex Colexiata. Ás 13:00 e ás 19:00 horas está previsto que actúe novamente o grupo de gaitas “A Seneira” e a Escola de Danza “Vila de Baiona” no recinto de Santa Liberata. Na ex Colexiata tamén haberá misa ás 10:00, 18:00 e 20:00 horas.