Anuncios
Ticker de novas

3.200 escolares de educación infantil e primaria comezan o curso 2018/2019 no Val Miñor

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Ignacio López-Chaves na súa visita ao CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro.

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata o CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro coincidindo co inicio das clases nos ciclos de infantil, primaria e educación especial para 38.476 nenos e nenas da área territorial de Vigo, segundo os datos recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo concretou o representante autonómico, nos centros galegos de educación infantil están matriculados 11.617 alumnos e alumnas e en primaria son 26.859 os que iniciaron hoxe as clases, datos que, tal e como sinalou, poden ir mudando ao longo do curso.

Por concellos, 210 nenos e nenas de infantil e 544 de primaria regresaron este mércores as aulas en Baiona, 401 e 978 fixérono en Nigrán e 382 e 685 en Gondomar. En Cangas foron 670 en infantil e 1.633 en primaria, mentres que en Moaña o número é de 412 e 991 respectivamente. En Mos foron 711 os matriculados en infantil e 1.665 os de primaria; en Porriño 518 e 1.192; en Salceda 271 e 561 e en Soutomaior 235 e 569. En Salvaterra 196 nenos e nenas de primaria e 514 de infantil iniciaron as clases, sendo 45 e 118 os matriculados en Pazos de Borbén e 14 e 56 en Fornelos de Montes. Por último, nos centros do Concello de Vigo incorporáronse ao novo curso 6.982 alumnos e alumnas en infantil e 16.351 en primaria.

Na visita ao CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, López-Chaves, que estivo acompañado pola dirección do centro e unha importante representación do profesorado, incidiu no incremento do modelo plurilingüe -que implica impartir ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira– con 55 centros (8 máis que no curso anterior) con este sistema en Vigo, o que converte ao vigués no concello de Galicia con maior número de centros plurilingües.

Un incremento que, segundo dixo, tamén se deixa notar nas diferentes etapas, posto que cómpre lembrar que, desde o curso pasado e grazas á posta en marcha da estratexia Edulingüe 2020, a Consellería ampliou o ensino plurilingüe a infantil, bacharelato e formación profesional (antes só existía na educación obrigatoria).

Deste xeito, 19 centros da área territorial de Vigo contarán con plurilingüismo en Infantil –denominado Plurinfantil–. No caso de bacharelato haberá 1 centro Pluribach, e en canto á Formación Profesional, 6 centros serán PluriFP (1 deles completamente novos no modelo plurilingüe).

Ademais da extensión progresiva a Infantil (Plurinfantil), Bacharelato (Pluribach) e FP (PluriFP), este modelo segue consolidándose na etapa obrigatoria, á que se suman un total de 11 novos centros nos concellos da área de Vigo.

Obras nos centros da área

O representante autonómico non perdeu a oportunidade de subliñar o importante esforzo inversor da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos centros escolares da área metropolitana, cunha inversión superior aos 9,2 millóns de euros en obras de mellora, ampliacións e novas construcións. Segundo dixo, a Xunta ten rematadas ou a piques de rematar 20 actuacións en 18 centros de nove concellos da área territorial de Vigo.

Anuncios