
A Biblioteca Pública Municipal do Concello de Baiona comeza a tempada con distintas actividades. A primeira delas terá lugar o vindeiro mércores, 19 de setembro, e será un obradoiro único creado para promover a expresión a través dunha das disciplinas musicais máis emocionantes. Trátase dun obradoiro de percusión con materiais reciclados dirixido a nenos e nenas de tres a sete anos.
A través desta actividade os participantes explorarán distintos sons e ritmos, e traballaranse de maneira individual e grupal as habilidades auditivas, sensoriais e rítmicas dunha maneira lúdica e distendida, ao mesmo tempo que se creará conciencia respecto ao medio ambiente, xa que unha das partes máis innovadoras deste obradoiro é que o material utilizado é na súa totalidade reciclado: latas de alimentos, envases de bebidas, cubos, paus de escobas, xogo de cubertos… aprendendo que calquera obxecto pode ter unha segunda vida útil.
O obradoiro é gratuíto e as prazas son limitadas polo que será necesaria a inscrición previa no teléfono 986 35 59 43 ou na propia Biblioteca. Levarase a cabo en horario de seis a sete da tarde no recentemente inaugurado edificio que alberga a Biblioteca Pública Municipal e o Arquivo Histórico do Concello de Baiona.