Comeza un curso de Pilates en Gondomar e outro de Patchwork en Nigrán no marco de “Conectadas 2018”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A partir deste luns un total de 811 mulleres e homes de 24 concellos da provincia comezarán os cursos programados do programa “Conectadas 2018”, a iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada á promoción e desenvolvemento da igualdade. Na comarca do Val Miñor, en Gondomar 25 persoas do Centro Cultural y Recreativo de Peitieiros participarán nun obradoiro de Pilates os luns e mércores de 21:00 a 22:00 horas. No concello de Nigrán, 15 persoas da Asociación de Mulleres de Chandebrito participarán nun obradoiro de Iniciación ao Patchwork os sábados de 16:00 a 19:00 horas.

“Conectadas 2018” é un programa da Deputación de Pontevedra destinado a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e empoderamento, así como a paulatina consecución do obxectivo da igualdade de mulleres e homes. Neste ano, conta cun orzamento de 324.000 euros e desenvólvese a través de 46 accións formativas distribuídas en 8 bloques temáticos: “Muller emprende: iniciativas sostibles para o emprego”, “Muller e cultura: Artes Visuais”, “Actualízate”, “Coas túas mans”, “Porque ti o fas”, “Súmate ao cambio”, “Ponte en forma” e “Coidados persoais”. En 2017 beneficiáronse desta iniciativa un total de 343 entidades pertencentes a 60 concellos da provincia, o que supuxo que preto de 5.500 persoas participaran nas distintas actividades programadas.

Anuncios