Anuncios
Ticker de novas

Baiona realiza obras de mellora nos centros educativos e escolas infantís do municipio

O vindeiro mércores os escolares baioneses volverán ás aulas e atoparanse con numerosas novidades e melloras. A Concellería de Educación do Concello realizou un gran esforzo e, ademais dos habituais traballos de mantemento, deu un paso máis e realizou un gran número de traballos nos diferentes centros das parroquias. O Alcalde, Ángel Rodal, e a Concelleira de Educación, Beatriz González, estiveron supervisando os últimos detalles das actuacións.

Na escola infantil O Areal levouse a cabo unha renovación integral no patio e na zona de xogos exteriores coordinada pola Concellería de Accesibilidade, dirixida por Policarpo Vilar. Educación adquiriu un lote de elementos infantís de xogos como cocheciños con tobogán, fun center, torre de escalada, casiñas con mesas… renovando completamente a zona de recreo. Tamén se restaurou a pérgola e instalóuselle teito de breixo para dotar de sombra a zona de xogos dos infantes. Así mesmo, colocouse breixo para separar dous ambientes no patio. Ademais da instalación dos novos elementos de xogo reparouse e pintáronse os xa existentes. Tamén, removeuse toda a area do patio e elimináronse as rodas de caucho para levar a cabo unha adecuación da pavimentación. Ademais, instalouse céspede artificial na zona central e lateral dereita do patio dando acceso aos elementos e colocouse un valo de madeira ao redor do horto ecolóxico.

No colexio de Fontes creouse un parque no patio infantil, plantouse céspede e procedeuse á instalación de rega automática. Sobre esta nova área instalouse un novo lote de elementos infantís de xogos como cocheciños con tobogán, fun center, torre de escalada, casiñas con mesas… Ademais, instalouse un valo de seguridade de madeira no perímetro do pavillón recentemente construído. Renováronse os canlóns do mesmo e leváronse a cabo obras de xardinería.

No colexio de Covaterreña levouse a cabo unha gran actuación no patio en canto a pavimentación dun total de 1.400 metros cadrados e igualmente instalouse o novo lote de elementos infantís de xogos, tamén se adquiriron canastras e porterías. Pintouse todo o patio infantil e dotouse de valos de madeira para maior seguridade. Todo isto sumado ás actuacións que se realizaron durante o inverno como foron as tarefas de illamento e instalación de tarima na planta baixa do edificio de infantil. A maiores elimináronse as lousas do patio infantil substituíndoas por pavimento de caucho continuo. Este mesmo material utilizouse na zona de xogos interior do centro que tamén foi renovada integramente.

Na escola infantil de O Agro en Baredo renováronse todos os elementos exteriores e adquiríronse novos elementos de xogo infantil dotando o patio de múltiples infraestruturas como casiñas de xogos, tobogáns, torres de escalda, cocheciños… renovando completamente a zona de recreo. Tamén se realizaron traballos no tellado e tarefas de xardinería.

No colexio de Sabarís creouse no patio unha xardineira no que se creou unha nova zona verde en forma de xardineira de grandes dimensións con bordos boleados de pedra repleta de plantas trepador. Plantáronse dúas novas árbores para dotar o espazo de sombra e procedeuse a remover a terra para a próxima instalación de rega automática e posterior plantado de céspede. Nestes días tamén se vai a levar a cabo o pintado do muro frontal do centro e a derriba de tabiques de pavillón e ximnasio para creación de espazo de almacenaxe.

No colexio de Belesar procedeuse á creación dunha nova aula de informática dotándoa da instalación eléctrica necesaria para tal fin e acondicionándoa de maneira integral. Do mesmo xeito procedeuse ao illamento do chan e instalación de tarima. Este mesmo centro foi dotado cun sistema de peche eléctrico con instalación de telefonillos para maior comodidade na entrada e saída do alumnado, especialmente aos usuarios do comedor, onde tamén se instalou un receptor. Levouse a cabo a reparación do escenario da aula de usos múltiples.

En canto á Galiña Azul, realizáronse traballos de mantemento, xardinería… que se suman ao pintado integral do centro realizado hai uns meses.

“En todos os casos trátase de melloras para o desfrute do alumnado que foron coordinados pola Concellería de Educación coa propia dirección dos centros e que priorizamos co obxectivo de non entorpecer para nada o curso escolar “, explica o alcalde, Ángel Rodal.

“Apostamos polo ensino público e asumimos cada verán obras de mellora co obxectivo de non crear incomodidades durante o curso. A Concellería de Educación do Concello realizou un gran esforzo e, ademais dos habituais traballos de mantemento, deu un paso máis e realizou un gran número de melloras nos diferentes centros das parroquias”, resume o alcalde.

Para levar a cabo todos estes traballos de mellora contouse coa colaboración da Concellería de Vías e Obras, a Concellería de Medio Ambiente e a Concellería de Accesibilidade do Concello de Baiona.

Anuncios