Sin categoría

“Eu non quero pasarlle a pelota a ninguén e asumo a responsabilidade”

Os tres alcaldes da comarca do Val Miñor reuníronse este venres cos representantes sindicais da Piscina Mancomunada da Ramallosa para coñecer a situación actual das instalacións. Finalizada a mesma, decidiuse abrir un expediente sancionador á empresa concesionaria por unha infracción moi grave como é deixar o servizo nunha situación irregular e non prestalo en tempo e forma unha vez adxudicado.

Segundo informou o presidente do ente supramunicipal e alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, leva parella unha sanción de entre 6.000 e 60.000 euros, tal e como aparece recollido no prego e no contrato. “Non imos ser nada benévolos”, afirmou o rexedor, que lembra que grazas á licitación do servizo “agora pódenselle esixir á concesionaria unha serie de cousas que antes non se lle podían esixir, e que se non cumpre pode ser sancionada”.

Ferreira engadiu ademais que se estudará se os incumprimentos da empresa, ou unha posible reiteración, son motivo de rescisión do contrato. “Aí van traballar os servizos xurídicos da Mancomunidade, e se temos que facelo farémolo”. Antón Fernández, de Gondomar, substituirá a Javi López, de Baiona, como o técnico que supervisará os labores de mantemento e cumprimento do contrato.

“A nós garantíusenos no seu momento que as dependencias ían abrir en setembro coa maquinaria e confiamos na súa palabra e no técnico que nós puxemos aí para facer o control. Ben é certo que por problemas de transporte da empresa que ten que traelas non chegaron a tempo. Pídese desculpas aos usuarios, non poden utilizar a sala de fitness, de cardio e de musculación, poden facer uso das dependencias da piscina, e o que se fai é non cobrar o recibo porque non damos un servizo, e iso xa o fixen eu desde o minuto un”.

O alcalde de Gondomar quixo lembrar tamén que non había ningún motivo polo que legalmente Serviocio non puidese presentarse a un proceso aberto e público de licitación. “Dentro dese proceso selectivo, foi a que mellor oferta presentou e gañou o concurso, habendo unha mesa de contratación onde non contrata o presidente a dedo, na que está a secretaria, a interventora, a tesoureira, técnicos municipais… que son os que ao final xunto coa parte política deciden baixo criterios de valoración quen gaña”.

“Que hai cousas que hai que mellorar na piscina, por suposto, teñen que facer un plan de limpeza e evacuación, ir repoñendo luces, pintura… van facer e están niso. Este fin de semana ían pintar o vestiario e a sala de fitness, cambiar rodapés… son unhas dependencias que teñen que quedar perfectas, e en principio a partir deste luns comezarán a chegar as máquinas de cardio e de fitness”.

Finalmente, Ferreira insistiu en que “eu non quero pasarlle a pelota a ninguén e asumo a responsabilidade, cando ti delegas en alguén tes que asumir que se algo falla es o culpable. Eu non me escondo e estou aquí para defender o público e non o privado e para estar á beira dos veciños”.