O Club Ciclista Rías Baixas despide a Copa de España en Madrid

Brillar por partida dobre é o reto que se marcou o Club Ciclista Rías Baixas para este fin de semana. A entidade presidida por José Luis Chamorro disputará este sábado o GP Vila de Mollados na provincia de Valladolid e o domingo competirá no GP Macario de Alcalá de Henares, a carreira que pecha en Madrid a Copa de España 2018. En ambas as dúas probas, os pupilos de Iván Rodríguez non se poñen límites.

O surafricano Eddie Van Heerden cultivou o pasado domingo en Valls o mellor resultado histórico do conxunto do Val Miñor na Copa de España. A última fichaxe desta estrutura obtivo a sétima posición na Classica Xavi Tondo. El e David Galarreta volverán estar á fronte do equipo no Gran Premio Macario. O resto da aliñación compóñena Rafael Pereira, Adrián Escobar e tres ciclistas madrileños especialmente motivados por correr en casa: Iván Arribas, Ignacio Zamanillo e Jaime Guzmán.

Á novena e última xornada do certame estatal a formación flúor acode con Galarreta como mellor clasificado na xeral, no décimo cuarto posto. A Copa de España 2018 resolverase o domingo, a partir das 09:30 horas, sobre un percorrido de 155 quilómetros, con cinco ascensións puntuables. A cima do último porto, o alto de Torres, está situada a 32 km para a liña de meta de Alcalá de Henares.

Vila de Mollados

O mesmo número de subidas puntuables, pero concentradas en 111 quilómetros presenta o Gran Premio Vila de Mollados. Esta carreira que rodará polas estradas da provincia de Valladolid celebra este sábado pola tarde a súa segunda edición e por primeira vez reparte puntos para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo.

Dous corredores que a pasada campaña militaban no pelotón profesional encabezarán a nómina do Club Ciclista Rías Baixas en Mollados. O cántabro Antonio “Chava” Angulo e o catalán Francesc Zurita parten como dous dos grandes favoritos ao triunfo. Jaume Bonnin, Jorge González, Cristian Cuervo e Óscar Justo completan o “seis” miñorano.

Anuncios