Anuncios
Ticker de novas

UCN considera “necesaria e urxente” a instalación de fibra óptica en Nigrán

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz, Antonio Fernández Comesaña, denuncia publicamente os graves problemas que están a sufrir os veciños e turistas de Nigrán por non dispoñer aínda da instalación de fibra óptica no municipio, “circunstancia que está a xerar moitos problemas de conexión a internet tanto de particulares como profesionais e negocios, xa que en diversas zonas nin sequera alcanza 1 MB de velocidade, cando ademais, a banda ancha garante un mínimo de conexión de 100 MB”.

UCN lembra que este feito vese agravado precisamente durante a tempada estival cando se triplica a poboación e tamén as necesidades, chegando mesmo a producirse un certo colapso nas conexións da internet, non só no litoral costeiro de Praia América, Panxón e Patos, senón tamén nas zonas de interior. “Nigrán atópase dentro dos municipios cuxa velocidade de conexión é inferior a 30 MB, na maioría das zonas apenas se alcanzan os 3 MB, polo que está sobradamente xustificada a súa modernización”, sinala Fernández Comesaña.

UCN urxe ao alcalde Juan González a que de forma inmediata canalice e xestione a través da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a petición para que Nigrán poida dispoñer en breve “dunha infraestrutura necesaria e urxente” e que abarque a totalidade do municipio, tendo en conta que a operadora Telefónica S.A. foi seleccionada recentemente pola Xunta para modernizar en Galicia as vellas liñas de cobre por outras de conexión ultrarrápida de Banda Ancha, cuxo proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEDER), finalizando o prazo no ano 2020.

Fernández Comesaña considera sumamente necesario e urxente que Nigrán non quede no vagón de cola da modernidade, “cando ademais, dispoñemos dun parque empresarial en Porto do Molle e queremos tamén competir en atraer un turismo de calidade e de alto poder adquisitivo, que dificilmente poderemos conseguir se non somos capaces de ofrecer servizos óptimos e de calidade, tanto a turistas como aos veciños de Nigrán, polo que é imprescindible e urxente levar a cabo unha modernización tecnolóxica do municipio”.

Anuncios