Anuncios
Ticker de novas

205 nenos e nenas comezan o curso nas escolas infantís da Galiña Azul do Val Miñor

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá en Redondela a escola infantil As Marismas da Galiña Azul coincidindo co inicio do novo curso escolar nos centros pertencentes a esta rede pública autonómica que abren as súas portas na Comunidade cun total 8260 nenos e nenas de 0 a 3 anos admitidos, 237 máis que o curso anterior.

No que atinxe á área territorial de Vigo, o representante autonómico informou que son 1.364 os admitidos coa seguinte distribución: 555 menores en Vigo, 89 en Redondela, 100 en Cangas, 37 en Moaña, 114 en O Porriño, 71 en Nigrán, 120 en Mos, 69 en Gondomar, 65 en Baiona, 54 en Salvaterra, 58 en Salceda de Caselas e 32 en Soutomaior.

En canto á lista de agarda provisional, o inicio do curso no conxunto de Galicia rexistra 2981 solicitudes que, no caso de que o teñan pedido, se poderán acoller ao programa Bono Concilia e recibir unha axuda de entre os 45 e os 250 euros mensuais, a contía varía en función da renda da unidade familiar, para contribuír ao pago de praza na escola infantil que elixan e que non conte con financiamento por parte da administración. Deste xeito, a lista de agarda volverá ser de cero un curso máis.

Así mesmo, cómpre salientar que se reservan 492 prazas para emerxencias e que o número de vacantes ascende a 1292, a maioría das cales se corresponden con prazas non cubertas no grupo de idade de 0 a 1.

No presente curso 2018-219, Galicia pon a disposición das familias un total de 24.081 prazas sostidas con fondos públicos das cales 10.264 repártense entre as 172 escolas infantís que conforman o mapa de centros da Galiña Azul. Esta cifra supón un incremento do 4,7% con respecto ao curso pasado, con 484 novas prazas e a entrada en funcionamento de cinco novas escolas infantís en Santiago, Lugo, Ourense, A Estrada e Mos, así como o regreso á actividade prevista para o vindeiro mes de outubro da escola Santa Susana en Santiago.

O resto das prazas complétanse coas que dependen de entidades de iniciativa social, da rede de escolas municipais, as prazas subvencionadas en escolas privadas que este curso se incrementan un 16% e se resolverán nos vindeiros días, as financiadas a través do Bono Concilia e as escolas que xestionan entidades como o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as universidades. Esta oferta sitúa a nosa comunidade cunha ratio de atención en prazas para escolares de 0 a 3 anos no 41%, oito puntos por enriba da media aconsellada pola Unión Europea.

Anuncios