Un terremoto de 4,9 graos en Portugal déixase sentir no Val Miñor

Este martes ás 8:12 da mañá rexistrouse un terremoto de 4,9 graos na escala de Richter con epicentro no Océano Atlántico, a 140 quilómetros da localidade portuguesa de Peniche e a unha profundidade de 30 quilómetros. Segundo informa o Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o tremor púidose sentir tamén na zona sur da provincia de Pontevedra. Os tres municipios do Val Miñor -Baiona, Gondomar e Nigrán- figuran na relación de poboacións nas que se notou o sismo. Ás 8:29 e ás 12:13 producíronse novos tremores con epicentro en dous puntos próximos, o primeiro de 3,0 graos na escala de Richter e o segundo de 2,5.