Nigrán e Gondomar negociarán con Vigo o acceso gratuíto ao aparcadoiro do Cunqueiro

FOTO: XUNTA DE GALICIA

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a apertura do aparcadoiro municipal do Álvaro Cunqueiro nun prazo máximo de dúas semanas, con 400 prazas que serán de acceso libre e gratuíto mentres o Concello non teña aprobada a ordenanza.

O goberno vigués traballa nunha ordenanza que permita ao Concello adoptar no seu estacionamento o mesmo criterio que a Xunta aplica no aparcamento do hospital, de tal forma que se o da Xunta é de pago, o municipal tamén o será, mais os vigueses terán unha dedución do 100% coa PassVigo.

Así, o Concello establecerá na ordenanza que o aparcamento municipal sexa de pago, e «altamente probable» coas mesmas tarifas vixentes no da Xunta, mais os usuarios coa tarxeta PassVigo o terán gratis. Abel Caballero reiterou que o aparcamento municipal tamén será gratuíto se a Xunta libera o pago no seu.

O alcalde vigués estimou que a ordenanza estará en vigor nun prazo de dez meses. Mentres continúa a tramitación administrativa, o Concello abrirá o aparcamento -dentro de quince días- con acceso libre.

Caballero tamén desvelou que catro municipios da área –Nigrán, Gondomar, Cangas e O Porriño- estarían interesados en subscribir un convenio co Concello de Vigo para que os seus veciños e veciñas poidan utilizar o aparcadoiro de forma gratuíta.

Anuncios