Anuncios
Ticker de novas

A Xunta ultima os traballos da senda peonil e ciclista na estrada PO-552 ao seu paso por Nigrán

O delegado territorial da Xunta en Vigo desprazouse hoxe ata o concello de Nigrán para comprobar o estado dos traballos da senda peonil e ciclista que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda constrúe na PO-552 e que está a piques de rematar.

Así o confirmou o representante do Goberno galego, quen sinalou que quedan por terminar algunhas melloras complementarias que, en todo caso, “trátase de actuacións menores”. Segundo dixo, o departamento autonómico inviste nesta actuación, que abarca aos concellos de Vigo e Nigrán, máis de 868.000 euros, cofinanciados con fondos europeos FEDER.

Este itinerario, enmarcado no Plan de Sendas de Galicia, divídese en tres treitos da PO-552 situados entre os p.q. 3+280 e 7+500. O primeiro tramo, entre Coruxo e Roteas, iníciase no p.q. 3+280, onde finalizan as beirarrúas existentes en Coruxo, con senda polas dúas marxes da estrada ata o p.q. 3+600, na zona do pavillón de deportes. Desde este punto síguese pola marxe dereita ata o 4+440, punto situado na zona inicial de San Miguel de Oia.

O segundo tramo, na Estea, localízase na travesía de San Miguel de Oia, comezando no p.q. 5+600 e finalizando no 6+070, punto no que remata a travesía. O último treito iníciase no punto no que comeza a travesía de Priegue (p.q. 6+910) e remata no 7+500, onde conecta coas beirarrúas existentes nas Rexas.

A sección tipo consta dunha senda dun ancho mínimo de 1,8 metros separada da calzada por unha zona axardinada e os bordos de separación nos tramos nos que as características da estrada e as edificacións existentes o permiten.

Ademais, a intervención incorpora outras obras complementarias como a mellora das paradas de bus existentes nos tramos da actuación; a adaptación da intersección do p.q. 3+520 ao paso da senda, de modo que quedará habilitado un cambio de sentido para facilitar os xiros no sobreancho existente neste punto, e a mellora da drenaxe na curva do p.q. 7+100, nas Rexas.

Este itinerario está enmarcado no Plan de Sendas de Galicia, concretamente na comarca de Vigo, onde a Axencia Galega de Infraestruturas executará aproximadamente 12,5 quilómetros de novas sendas, cun orzamento que se achega aos 5 millóns de euros. A Xunta ten garantido o financiamento ao terse incluído estas actuacións no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020.

Renovación do firme

En paralelo, co fin de mellorar a seguridade e reducir a sinistralidade, hoxe mesmo procedeuse a renovación do firme entre os p.q. 8+850 e p.q 9+050 na devandita estrada. Segundo informou o delegado da Xunta en Vigo, estendeuse una capa de microaglomerado en frío na curva da estrada e renovouse a sinalización horizontal.

Anuncios