Os Patos surfean de noite este mércores

Os surfeiros do Patos Surf Club organizan cada ano para pechar o verán no Val Miñor un reto que mestura deporte, espectáculo e música en directo a partes iguais. O nunca visto en Galicia: surf nocturno, ou o que é o mesmo surfear cando se poña o sol. Ataviados cuns traxes de neopreno aos que engaden tubos luminosos de neón de cores moi rechamantes, unhas táboas especiais pilotadas polo equipo do Club Patos equipadas con luces de neón e uns grandes focos desde terra. O resultado é unha delicia para a vista.

Ademais este ano a festa, que cumpre a súa quinta edición, convértese nunha homenaxe á única táboa de luces LEDS que se salvou do incendio da factoría que as fabricou (OLATU) e que terminou con toda a súa produción de táboas. A celebración terá lugar o mércores 5 de setembro na praia de Patos (Nigrán) a partir das 21:00 horas. Ao espectáculo visual hai que engadir a dificultade técnica para poder afrontar ondas coa visibilidade case nula da noite miñorana. Trátase sen dúbida de todo un agasallo para a vista, tanto para os seguidores deste deporte como para calquera outro afeccionado.

É unha actividade única en España, e ademais completamente gratuíta, onde a música en directo co grupo King of the Beach, outras formas de espectáculo como os malabaristas cospe lumes, incluso outros deportes como o pádel board, o zumba, exhibición de triking ou o ioga, tamén ten o seu oco.

PROGRAMA: OS PATOS SURFEAN DE NOITE

IOGA. A noite comezará con posturas relaxantes co Yogamaster Albert Rodríguez.

ZUMBA NOCTURNO. Nuria Mendes, que se encargou de facer mover o esqueleto á praia de Patos durante o verán, despídese cun zumba pero luminoso, con maquillaxes, pintándose o corpo e con roupa que brilla na escuridade. A primeira clase mundial de zumba nocturno, quecemento para as actividades nocturnas.

EXHIBICIÓN DE TRIKING-PARKOUR. Os deportistas colocan un balón enterrado na area a modo de trampolín para facer as súas piruetas imposibles no aire.

ESPECTÁCULO DE LUME. Ademais das luces LEDS e todo o aparato luminoso unha parte do espectáculo vai dar Asacocirco cos seus malabaristas cospe lumes. A noite e o lume van ser protagonistas, diferentes personaxes saídos da máis profunda escuridade percorrerán a praia ao ritmo que marcan os tambores e demostrarán as súas habilidades co seu elemento máis prezado, o lume.

PÁDEL BOARD. Outra das novidades será o pádel board nocturno. Os mozos de “Surf Vigo Paddlesurf” sacarán as súas táboas de remos con luces fluorescentes na escura noite do Val Miñor. Se as condicións permíteno farán unha ruta con iluminación é as súas táboas pola praia de Patos, algo que nunca se fixo en Galicia.

ACTUACIÓN MUSICAL. A música en directo do grupo local King of the Beach e o Dj Roberto Pérez serán os encargados da banda sonora da noite con máis luz do ano.

EXPRESIÓN SESIÓN (ACENDIDO DE FOCOS). Se as ondas permíteno, e parece que si, os mellores surfeiros que deu a praia, farán unha mini competición sen regras nin ataduras, onde só gañará o que consiga realizar a manobra máis espectacular.

EXHIBICIÓN DE SURF NOCTURNO. Chegamos á alma da festa, a exhibición de surf nocturno, que será levada a cabo por Borja Malvar, un dos mellores surfeiros das Rías Baixas. Os surfeiros da escola de Patos sairán ataviados con luces fluorescentes nas súas táboas e traxes. Serán os encargados de entrar na auga e coller as primeiras ondas na noite pechada de Patos, iso si, coa axuda das táboas fluorescentes previamente preparadas para a ocasión.

DJ. A música estará garantida toda a noite grazas ao DJ Roberto Pérez.

MERCADILLO E CINE SURFEIRO. Tamén haberá carpas temáticas relacionadas co surf e unha pantalla amenizará toda a noite con imaxes surfeiras, con películas como a historia do surf en Galicia, de viaxes surfeiras e tamén do equipo de surf de Patos Surf Club no seu periplo competitivo por Galicia e Portugal.