O Val Miñor recibiu en tres anos máis de 10 millóns de euros do Plan Concellos

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Obras en Carrasquedo de Abaixo (Vilaza).

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, posto en marcha coa chegada de Carmela Silva ao goberno provincial, xa ten investido na comarca do Val Miñor máis de 10 millóns de euros nestes tres anos de lexislatura, beneficiando aos municipios de Baiona, Nigrán e Gondomar. Supón “o investimento máis importante da historia da institución nos concellos da provincia”, segundo subliñou hoxe a presidenta Carmela Silva, en rolda de prensa. Silva engadiu que “esta Deputación fala de datos. Ao abeiro deste plan provincial, puxemos a disposición da comarca do Val Miñor “preto de 8 millóns da liña 1 de investimentos, máis de medio millón na liña 2 de amortizacións, pagamento de débedas e gastos correntes, e preto de dous millóns na liña 3 de emprego”.

En concreto, ao abeiro da liña 1 de investimentos, a Deputación de Pontevedra xa xestionou 66 actuacións por valor de preto de 6 millóns de euros. Máis polo miúdo, realizáronse achegas para levar a cabo 5 actuacións de saneamento por un total de máis de medio millón de euros, 6 de pavimentación e renovacións de rúas por máis de 600.000 euros, 15 de adquisición de bens e equipamentos por máis de 750.000 euros e 40 de novas infraestruturas e mellora de edificacións municipais por valor de preto de 4 millóns.

En canto ás obras de saneamento foron os 3 concellos da comarca do Baixo Miño os que beneficiáronse das achegas do Plan Concellos da Deputación. Concretamente, Baiona levou a cabo a rede de saneamento en diferentes zonas da vila por 261.211,99 euros; Gondomar realizou dúas actuacións por valor de 89.602,60 €, sendo a máis importante a mellora de eficiencia enerxética e da xestión dos bombeos de augas residuais da vila, e Nigrán puido acometer dúas actuacións por 245.259,68 € entre as que destaca o proxecto de ampliación da rede de saneamento en Lagoiña, Labrego, Xestal e Palomar.

Pola súa banda, foron tamén os 3 concellos do Val Miñor os que empregaron os cartos do Plan Concellos para realizar obras de pavimentación e renovación de rúas. Así, Baiona puido levar a cabo a mellora de diferentes camiños de titularidade municipal por importe de 101.041,41 €; Nigrán acometeu a pavimentación de varios viarios por 159.794,32 euros, e Gondomar realizou 4 actuacións por 400.446,97 entre as que destaca a mellora da pavimentación, do drenaxe e da seguridade viario no camiño de Carrasquedo de Abaixo, en Villaza.

Para a adquisición de bens e equipamentos os tres concellos solicitaron o investimento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do seu plan provincial. Concretamente Baiona para 3 actuacións por valor de 349.563,67 € entre as que se atopa a compra dun vehículo de recollida de lixo; Gondomar, 5 actuacións por 170.043,78 €, e Nigrán 7 actuacións por un importe total de 239.813,20 euros, sendo a máis importante a compra dun camión 4×4 para viarios e obras.

Amais, en canto á liña 1 de investimentos, os 3 concellos da comarca do Val Miñor beneficiáronse de actuacións de novas infraestruturas e mellora de edificacións municipais. Baiona levou a cabo 7 actuacións por valor de 1.262.013,67 euros entre as que destaca a reforma do edificio norte do mercado de Sabarís; Gondomar, 16 actuacións por importe de 1.275.681,12 € sendo a obra máis importante o acondicionamento do Parque da Coelleira, e Nigrán, 17 actuacións por 1.401.000,82 euros como a creación dun parque na rúa Ana Isabel Costas.

No relativo á liña 2 de amortizacións, pagamento de débedas e gastos correntes os tres concellos da comarca do Val Miñor, durante estes tres anos, levaron a cabo actuacións por un total de 538.954,89 euros. Deste xeito, Gondomar recibiu máis de 220.000 euros; Nigrán, máis de 200.000 € e Baiona, máis de 110.000 euros.

Por último, a liña 3 de emprego do Plan Concellos serviu para os municipios da comarca do Val Miñor puideran contratar nestes tres anos a 231 traballadoras e traballadores cun investimento da institución provincial de 1.890.022,90 euros. Así, con estas achegas, desde a creación deste plan, Baiona puido contratar a 89 persoas; Gondomar, a 60, e Nigrán, a 82.

Anuncios