Como é sabido o Concello de Gondomar leva máis de dous anos adherido ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que ten como finalidade a compostaxe da materia orgánica que se producen nas vivendas. “Ademais dos beneficios evidentes para o Medio Ambiente, pois evitamos que sexa queimada en SOGAMA, produce un aforro evidente ás arcas municipais (menos Tm que hai que transportar e queimar en SOGAMA), e tamén lle estamos dando cumprimento ás Directivas Europeas que nos obrigan no 2020 a compostar entre un 40 e un 60% desa materia orgánica”, recorda Antonio Araújo.
Mañá, 1 de setembro, na feira que vén tendo lugar todos os sábados na contorna da Praza de Abastos, repartiranse de maneira gratuíta mostras de compost producido nos composteiros comunitarios na vila de Gondomar, desde as 11:00 ata as 13:00 horas. “Co reparto gratuíto de mostras de compost que faremos mañá, estaremos demostrando que é posible cumprir eses obxectivos de maneira comunitaria, pero tamén de maneira individual nas vivendas do rural, obtendo ademais un compost de primeira calidade”, afirma Araújo.
“Nesta liña, dende a Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, temos a intención de instalar máis composteiros comunitarios na Vila, e tamén repartir composteiros individuais, probablemente a finais de ano e de maneira experimental, inicialmente nalgunha parroquia, da man do movemento veciñal e coa idea de ir eliminando paulatinamente o colector verde da fracción de orgánico”, conclúe Araújo.

