Anuncios
Ticker de novas

Unha tripulación integramente feminina da Armada Española competirá na ¡HOLA! Ladies Cup

FOTO: ROSANA CALVO // ¡HOLA! Ladies Cup.

Unha tripulación integramente feminina da Armada Española participará este ano, por primeira vez na historia do Trofeo Príncipe de Asturias, na ¡HOLA! Ladies Cup, que se celebra a partir de mañá venres e ata o domingo en Baiona.

A dotación navegará a bordo do ¡HOLA! Serralleiras, un dos seis barcos idénticos que o Monte Real Club de Yates, organizador do trofeo, cede ás seis tripulacións participantes, chegadas de diferentes puntos de España e Portugal para disputarse unha das competicións náuticas femininas máis importantes do escenario peninsular.

“No Monte Real Club de Yates –di a vicecomodora do club Genoveva Pereiro- levamos anos fomentando a participación de regatistas nas nosas competicións, tanto en probas exclusivamente femininas, como esta ¡HOLA! Ladies Cup, como no resto de regatas e tamén a través da nosa Escola de Vela. O protagonismo que foron adquirindo as mulleres no mundo da vela ao longo dos últimos anos é algo indiscutible, pero aínda queda moito por facer e nesas andamos”.

O equipo da Armada estará liderado pola profesora da Escola Naval Militar de Marín e campioa do mundo de windsurf, Lara Lagoa; á que acompañarán Carmen Náraza, Ida Blanco, Sheila Pachón, Andrea Marín, María Teresa Ivorra e Rocío García.

As vixentes campioas da ¡HOLA! Ladies Cup, as portuguesas do BB Douro We Do Sailing, coa vicecampeona lusa de 420 Marta Ramada á fronte, sairán á auga co obxectivo de repetir triunfo. Nesta ocasión, Ramada levará a cana do HOLA.COM e estará apoiada nas manobras pola subcampioa do mundo de Snipe, Mafalda Pires de Lima; as campioas portuguesas de Laser e 420, Carolina Joao e Joana Azevedo; Ana Catarino e Gabriela Pereira.

Desde a Federación Madrileña de Vela (FEMAVE) chegan a Baiona dúas tripulacións dispostas a arrebatarlles o título ás portuguesas. A bordo do ¡HOLA! Ladeira e con Laura Gil ao mando, navegarán Yolanda Mirón, Marta Larrauri, Marta Villena, Teresa Petit e Paloma Borras. E no HELLO! regatearán Anna Solé, Patricia Gutiérrez, Ines Zurita, Mariña González e Gemma Caballero, dirixidas pola patroa suízo-galega Teresa Martínez.

O equipo vasco do Club Marítimo do Abra – Real Sporting Club será, sen dúbida, o máis novo da competición, xa que as tripulantes que navegarán a bordo do HOLA USA teñen unha media de 17 anos. Son Joana Abásolo, Carmen Arbaiza, Natalia Carreira, Silvia Marce e Mónica Mendoza. Á fronte do equipo está Lourdes Bilbao, unha gran coñecedora da Ladies Cup, na que xa participou en 10 ocasións.

A última das seis tripulacións que se disputarán a ¡HOLA! Ladies Cup compóñena regatistas chegadas de diferentes puntos de España. Aos mandos do HOLA FASHION estará a polaca afincada en Santander Magdalena Czernik, habitual competidora na clase J80. Completan a súa tripulación Ana Sardiña, unha das mellores regatistas galegas da actualidade, con varios campionatos galegos e españois no seu haber; Marine Lescan, subcampioa de Euskadi de Snipe; Edurne Tamayo e Alejandra de Marichalar, do Real Club Marítimo de Canido.

As probas da ¡HOLA! Ladies Cup empezan mañá venres ás tres e media da tarde no interior da baía de Baiona, onde o comité de regata preparará un campo para elas e para a frota da clase Solventis J80, que tamén inaugura mañá venres o Trofeo Príncipe de Asturias. En ambos os dous casos, e sempre que o vento sexa propicio, os monotipos disputaranse varios percorridos barlovento-sotavento.

Media hora antes escoitarán o bocinazo de saída os barcos máis grandes, das clases Martin Miller ORC 0-1, Aceites Abril ORC 2 e Gadis ORC 3. Para eles a proposta de competición é unha costeira cun percorrido que o comité decidirá nesa mesma xornada en base ás condicións meteorolóxicas, que a esta hora anuncian ventos do noroeste cuns 10 nós de media.

Unha vez finalizada a competición na auga, as tripulacións poderán gozar en terra do village do 33º Trofeo Principe de Asturias, no que se servirá unha cea mariñeira para os participantes e haberá degustacións de cervexa e gintonics.

Anuncios