Un camión derruba un farol sobre a terraza dunha cafetería en Baiona

Un camión de gran tonelaxe chocou este mediodía cun farol da rúa Ramón y Cajal en Baiona. O condutor do vehículo, con matrícula de Romanía, circulaba pola PO-552 en dirección A Ramallosa cando tentou realizar un cambio de sentido na Avda. Arquitecto Jesús Valverde. No xiro, a parte traseira do camión impactou coa luminaria, que se esborrallou sobre a fachada e a terraza da cafetería Monterrey. Nese momento, a pesar de ser habitualmente unha rúa moi concorrida, non pasaba ninguén polo lugar e a zona da terraza afectada atopábase baleira, polo que non houbo feridos, pero si cuantiosos danos materiais. Ademais, o suceso provocou nun primeiro momento grandes retencións de tráfico, xa que o camión ocupou os dous carrís de circulación impedindo a circulación de vehículos. Ata o lugar desprazouse a Policía Local de Baiona.