Sin categoría

Baiona, inmersa no asfaltado de viarios nas parroquias

O Concello de Baiona atópase inmerso nos traballos de pavimentación de numerosos viarios nas diferentes parroquias do municipio. As obras adxudicadas á empresa NEXIA INFRAESTRUCTURAS SL supoñen un investimento de 89.762,61 euros e solucionarán os problemas no firme. Os viarios do municipio serán sometidos a melloras que permitirán un mellor acceso aos residentes nas zonas rurais da localidade. As choivas do inverno provocaron deficiencias nalgúns deles, outros padecen a deterioración debida ao paso do tempo ou a inexistencia de asfaltado nalgún deles fixeron necesarias as obras.

Xa se levaron a cabo actuacións no Camiño da Costa e o Camiño Vello na parroquia de Baíña. En Camiño Punxido e Camiño das Marismas en Santa Cristina da Ramallosa. Camiño Cocho, A Lomba e Camiño de Boucelo en Baredo, e Camiño As Covas en Belesar. En total mellorarase a seguridade viaria e a pavimentación en catorce viarios nas parroquias do municipio e continuaranse cos traballos nos restantes, que son Camiño das Carneiras, Camiño Palleiro na parroquia de Baíña, Camiño do Cancelo e Camiño da Torre en Baredo, no Camiño das Tomadas, Camiño Casteliño en Belesar, e Camiño do Francés na Parroquia de Santa Cristina da Ramallosa.

O alcalde baionés, Ángel Rodal, afirma que “todas son obras imprescindibles para os veciños, tanto pola ausencia de pavimentación nalgún caso como polo estado do mesmo noutros, polo que consideramos apropiado destinar os fondos ás melloras dos barrios no noso compromiso polas parroquias. Existen un gran número de proxectos que se van a levar a cabo e executar no rural e estas actuacións son unha delas pero hai outras moitas que se comezarán en breve. Unha parte importante do Plan Concellos 2017 destinarase á mellora da seguridade viaria, así como o pavimento dun total de 14 camiños en diferentes zonas das parroquias de Baíña, Baredo, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa”.

O Concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas detallou que “se levou a cabo un estudo das necesidades de obra nos camiños municipais de cada unha das parroquias do rural, clasificándoos segundo o seu estado actual e o seu nivel de tránsito e a súa necesidade de reparación. Deste estudo sacouse a conclusión de actuar nestes 14 viarios das parroquias”.

Estas actuacións responden as peticións veciñais e enmárcanse na «decidida aposta do Concello polas parroquias, para mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños», concluíu o Alcalde.