Sin categoría

Nigrán reactiva o departamento de normalización lingüística coa contratación dun técnico superior

O Concello de Nigrán, a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a dinamización lingüística, reactivará o Servizo de Normalización Lingüística creado por vez primeira na súa historia no 2016 para facer do galego un vehículo de comunicación común no consistorio. Así, a súa incorporación permitirá asesorar á administración en todo o relativo á política lingüística, fixar criterios, resolver dúbidas, propoñer programas dinamizadores, difundir materiais… «Como entidade pública temos un compromiso total coa promoción e uso correcto e xeral do galego nas nosas comunicacións para reforzar a nosa lingua propia, por iso é moi imporante para nós este servizo que iniciamos no 2016», destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

Así, ao abeiro desta subvención o Concello creará un posto de técnico superior que desenvolverá tarefas de asesoramento en todo o relacionado coa política lingüística, mellorando a súa calidade comunicativa, planificando, xestionando, executando e avaliando accións a prol da lingua galega e facendo un seguimento do cumprimento da lexislación vixente nesta materia, para velar polos dereitos lingüísticos da cidadanía. O prazo de presentación de solicitudes a través do Rexistro Municipal comezou este luns 27 de agosto e finaliza o 4 de setembro. A duración do contrato é de 12 meses cunha xornada de 18,5 horas semanais e un salario acorde ao Convenio Colectivo de Oficinas e Despachos. As titulacións válidas son licenciatura en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa ou Hispánica (sección galego-portugués), grao en Estudos de Galego e Español ou en Lingua e Literatura Galega. Todas as bases e información estarán a disposición dos interesados no Departamento de Desenvolvemento Local, na páxina web ou no Departamento de Información. O proceso selectivo constará dunha proba práctica escrita, unha proba oral e unha baremación do CV.