Sin categoría

Nigrán pavimenta o camiño rural “O Codaval” que une a Mámoa con Navás, en Priegue

O Concello de Nigrán finalizará esta semana o pavimentado do camiño rural Codaval en Priegue que une exteriormente os barrios da Mámoa e Navás e que ata agora presentaba un firme irregular e de terra nos seus 400 metros de lonxitude. O traballo realízase grazas á subvención de 39.150 € concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais 2017-18.

A obra, adxudicada a Construcciones Fechi S.L., consiste en regularizar o firme mediante aglomerado asfáltico, dispoñer de cunetas nas marxes e habilitar dous cruces de paso de augas.

«Con esta obra darase continuidade ao si asfaltado Camiño do Monte coa rúa da Mámoa, permitindo conectar dous barrios de xeito moito máis directo e mellorando a seguridade viaria. Ata agora Codaval estaba en condicións practicamente intransitables para un vehículo convencional», explica o alcalde, Juan González, quen asegura que a intención «é seguir asfaltando máis tramos de camiños rurais adxacentes, de xeito que conecten directamente coas Baleazas, no colexio CEIP da Cruz, en Camos, e ao que asisten moitos nenos de Priegue».

Por outra banda, o Concello de Nigrán emprenderá en setembro un gran plan de asfaltados tras adxudicar a COVSA a renovación do firme de 14 rúas de todo o municipio por importe de 108.900 € ao cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O plan comprende a parroquia de San Pedro (Camiño dos Concellos en Vilariño, do Viso, e Camiño da Cabreira), Panxón (rúa da Porqueira, rúa do Arco Visigótico, Camiño do Cocho, rúa As Barrocas, Camiño do Estripeiro, rúa dos Loureiros), Chandebrito (rúa Chandebrito), Camos (rúa Rotea) e Priegue (rúa Regueiriños). A maiores, pavimentarase o Camiño do Foro na Tarela (Nigrán) e o Camiño das Barxas en Sancho (Panxón), ambos os dous de terra.

2018-08-27 - CODAVAL2