Sin categoría

Nigrán investirá 55.000 € en obras de mellora nos colexios públicos do municipio

O Concello de Nigrán investirá 55.000 euros en actuacións de mellora en seis centros públicos do municipio (CEIP Casares de Vilariño, CEIP Mallón de San Pedro, CPI Dunas de Gaifar de Panxón, CEIP da Cruz en Camos e CEIP Humberto Juanes en Nigrán) co obxectivo de que boa parte das obras estean rematadas cando se inicie o curso en setembro. O goberno esgotará a partida de 30.000 € dedicada a este fin e, a maiores, levará a Pleno unha modificación de crédito de 25.000 euros ao detectarse novas necesidades nos centros educativos. Estas actuacións nos colexios públicos de Infantil e Primaria do municipio foron levadas a cabo na súa maioría por operarios municipais e beneficiarán a máis de 2.000 alumnos.

«En todos os casos trátase de reformas moi necesarias que se reclaman dende a propia dirección dos centros e que, na medida do posible, se realizan durante o verán co obxectivo de non entorpecer para nada o curso escolar. Cando arrancamos este goberno a partida era de 5.000 euros que nós fomos multiplicando exponencialmente ano a ano», explica o alcalde, Juan A. González.

Así, no CEIP da Cruz (Camos) contémplase pintado de aulas, reparación do peche perimetral e substitución das canaletas de recollida de augas. A parte contratouse o axardinamento e acondicionamento de boa parte do patio exterior.

No CEIP Carlos Casares de Vilariño a artista Lula Goce levou a cabo en abril o pintado da súa fachada cun gran mural alusivo ao escritor que dá nome ao centro e que residiu nesta parroquia. Ademais, plantáronse 40 castiñeiros nunha parcela anexa ao centro e que se engadirá o recinto no xa bautizado como “Souto Carlos Casares”. Finalmente, operarios municipais pintarán as aulas e repararán o peche perimetral.

No CEIP Mallón operarios municipais están actualmente ampliando o comedor escolar engadindo a este espazo un aula anexa en desuso. O mobiliario exterior do centro será renovado, así como o canalón de recollida de auga.

No CEIP Humberto Juanes de Nigrán rehabilitouse en febreiro a súa pista multideportes exterior mediante a reposición do formigón, pulido e pintado posterior, ademais de crear ramplas accesibles. A maiores, durante este período de vacacións pintaranse aulas e crearase coa colaboración da ANPA e dirección do centro un novo xardín de lecer. Así mesmo, o Concello renovou o peche perimetral creando ao seu carón un sendeiro peonil de acceso ao centro totalmente seguro.

Finalmente, na Escola Infantil Dunas pintáronse as aulas e renovarase toda a instalación eléctrica co obxectivo de aumentar a potencia.

«Apostamos pola ensinanza pública e asumimos cada verán obras de mellora co obxectivo de non crear incomodidades durante o curso», resume o alcalde.