Este luns, 27 de agosto, darase comezo ás obras de renovación integral do campo municipal do Aral. Mellorarase a prestación do terreo de xogo coa colocación dunha base elástica de cortiza natural cun espesor de doce centímetros, o que achegará unha maior seguridade para os deportistas en caso de caídas. Ademais do terreo de xogo, tamén levarase a cabo a remodelación da superficie da pista de atletismo que circunda o campo, con material de última xeración.
O Concello de Baiona suma ao proxecto inicial de renovación do campo municipal do Aral a reforma da bancada e a instalación de iluminación LED. O proxecto inicial contemplaba a mellora tanto do terreo de xogo (6.000 metros cadrados) como da pista de atletismo (2.000 metros cadrados) cunha base elástica que previrá lesións, pero desde o Concello queren ir máis aló e apostan por unha reforma integral das instalacións, polo que tamén actuarán na zona de bancada e na iluminación.
A aposta do goberno local pola mellora do campo confírmase ao destinar os fondos do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra e revalídase ao incluír á remodelación completa da pavimentación, así como o céspede e a pista de atletismo, a instalación de iluminación LED e a reforma da bancada. O proxecto total supón un investimento de 245.569,04 euros. A empresa adxudicataria do proxecto é MECANO SPORT SL e ocuparase tamén do mantemento durante oito anos.
«Trátase dunha reforma integral necesaria, é unha renovación a fondo para mellorar unha das instalacións máis utilizadas polos veciños, especialmente por menores das escolas deportivas municipais e clubs de categorías inferiores, e queremos que siga funcionando ao máximo rendemento. Por este motivo quixemos dar un paso máis aló e incluímos no proxecto a instalación de iluminación LED e a mellora dos asentos na bancada», apuntou o alcalde, Ángel Rodal.
Así, engádese ao proxecto a instalación de butacas na bancada, unha renovada bancada que cumprirá con todas as esixencias en aspectos como a visibilidade, a seguridade e a accesibilidade. Os asentos serán acollidos con gran entusiasmo polos afeccionados do Erizana CF, así como o resto de afeccionados que acoden a gozar dos diversos eventos deportivos que se celebran no recinto. Así mesmo, instalaranse taquillas, pois ata agora carecían delas.
Outro punto importante é a instalación de iluminación LED nos focos grandes da contorna. A tecnoloxía LED é máis ecolóxica, máis respectuosa co medio ambiente, isto fai que o seu proceso de reciclaxe sexa máis sinxelo. Así mesmo, o baixo consumo de enerxía da tecnoloxía LED tradúcese nun aforro importante tanto do consumo como das emisións de CO2 e xofre. Desta maneira o Concello prosegue coa súa política de aforro enerxético. Tamén se instalará un marcador electrónico.
Este será o primeiro investimento de envergadura que se realiza neste campo histórico que foi construído fai once anos, polo que o céspede atópase no tempo de máxima idade, e o goberno local planificou as reformas para que continúe sendo o campo de referencia. Durante esta década, o Aral converteuse na infraestrutura deportiva máis utilizada polos veciños de Baiona e unha das máis demandadas da provincia. A súa situación no centro da Vila favorece que tanto un dos equipos de referencia como as Escolas Deportivas Municipais, fagan uso das instalacións.
O goberno local e a directiva do Erizana CF, un dos principais usuarios do campo municipal, analizaron conxuntamente as necesidades do club e das instalacións para decidir cales serían as reformas a levar a cabo. O Concello de Baiona tamén dotou recentemente ao campo do Aral con urinarios públicos para os usuarios alleos ao club que frecuentan a zona e para os espectadores que acoden aos partidos, unha petición moi demandada tanto polo club como polos veciños.

