O Camiño Portugués da Costa multiplica por cinco a súa cifra de peregrinos desde a súa oficialización

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañados polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña, realizaron esta mañá unha andaina polo Camiño Portugués da Costa promovida por este concello pontevedrés coa que conmemoraron o segundo aniversario do recoñecemento oficial desde itinerario xacobeo, que se fixo efectivo coa entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural de Galicia en agosto do ano 2016.

Desde que o Camiño Portugués da Costa acadara esta distinción, o número de peregrinos que o percorreron multiplicouse por cinco, ao pasar de 1.474 persoas en 2015 as preto de 8.000 que o realizaron xa neste 2018. Dáse así a circunstancia de que en só oito meses se teña xa superado o volume de todo o ano 2017, o que amosa, como sinalou a responsable de Turismo do Goberno galego, a vitalidade desta ruta xacobea e o interese que esperta nos camiñantes que peregrinan desde o sur da Comunidade. Na actualidade, é o sexto itinerario máis percorrido e concentra o 3,7% dos camiñantes, fronte ao 0,56% de hai tres anos.

Esta evolución está a ser acompañada polo Plan director do Camiño de Santiago, que lidera a Xunta e que en 2018 centra os seus investimentos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa, seguindo o calendario previsto para as diferentes rutas que contan co recoñecemento oficial co obxectivo é que estean nun estado óptimo no Xacobeo 2021.

“O Camiño Portugués da Costa está a xogar un papel crave en desestacionalizar o turismo en Baiona. O obxectivo é lograr que a Vila teña visitantes, non só durante a época estival, senón o resto do ano. Os esforzos realizados polo Concello de Baiona para promocionar e mellorar o Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo municipio tiveron un efecto dinamizador directo sobre o número de peregrinos que cruzaron Baiona nos últimos anos e desde o departamento de turismo seguiremos traballando para que ano tras ano sexan máis os camiñantes que elixen a ruta xacobea que transcorre polo noso municipio”, destacou o Alcalde, Ángel Rodal.

O rexedor matizou que “moitos destes peregrinos unha vez que chegaron a Santiago regresan para pasar uns días na Real Vila para coñecela máis en profundidade. É xa unha estampa habitual atopase en Baiona con peregrinos no Centro Histórico e naquelas parroquias polas que transcorre o Camiño Portugués da Costa. Esta ruta xacobea está de moda e así o testemuñan os datos proporcionados pola oficina de turismo. No que vai de ano pasaron pola oficina 2.316 peregrinos, unha cifra que supera xa considerablemente, a falta de catro meses para pechar o ano, ao número dos que pasaron en 2017, que foron 2.160. Outro dato significativo é que neste mes de xullo de 2018 pasaron pola nosa oficina máis do dobre, 434, de peregrinos que o fixeron no mesmo período de 2017, 220”.

Hai que destacar que a Oficina de Turismo non está situada exactamente no percorrido do Camiño da Costa polo que os datos obtidos a través das sondaxes realizadas, son só unha parte dos datos reais. O 78% (1.809) dos camiñantes rexistrados en 2017 son estranxeiros. Analizando as procedencias tamén se notou un cambio con respecto a anos anteriores: aínda que o perfil tipo segue sendo dun peregrino estranxeiro, durante este ano notouse o aumento de peregrinos nacionais contorna ao 22% (507). O principal país emisor de peregrinos ao Camiño Portugués pola Costa este ano é Italia, ata agora os principais camiñantes procedían de Portugal, que agora ocupan o segundo posto. Pero tamén destaca a cantidade de alemáns, irlandeses e estadounidenses. Do mesmo xeito tamén chegan desde Inglaterra, Australia, Francia, Polonia, Holanda, ou República Checa.

Así mesmo, e a pesar da distancia con estes lugares, o traxecto tamén recibe peregrinos de países como Canadá, Nova Zelandia, Ucraína, Romanía, Suecia, Croacia, Finlandia, Sudáfrica, Israel, Estonia, Hungría, Lituania, Arxentina, Ecuador, Eslovenia, Xapón, China, Kazajstán, México, Sudáfrica, Venezuela, Andorra, Corea do Sur, Cuba, Grecia, Illas Virxes… atraídos pola beleza incomparable deste magnífico camiño de peregrinación, costeiro na maior parte do trazado. Entre eles, rexistráronse varios grupos organizados de Irlanda e Estados Unidos.

En canto aos nacionais, destacan os procedentes de Madrid, A Coruña, Barcelona, Valencia, Sevilla, Pontevedra, ou Zaragoza. A Oficina de Turismo igualmente recibiu varios grupos organizados do noso país. A porcentaxe de camiñantes que se aloxa en Baiona aumentou exponencialmente nos últimos meses debido á recente inauguración dos dous albergues de peregrinos na Vila. Aínda así, hai que destacar que tamén son moitos os peregrinos que pasan por Baiona que se aloxan tanto en hoteis como pensións e mesmo algúns no Parador.

Con respecto á forma na que chegan os peregrinos ao Camiño Portugués de Costa, a maioría deles coñecen este camiño a través de internet, seguido daqueles peregrinos que chegan en grupos organizados e a través de axencias de viaxes. Destaca tamén a porcentaxe de peregrinos que realizan este camiño por recomendación de amigos ou familiares que xa o realizaron. Como motivo destacado está a realización do camiño á inversa, é dicir, desde Santiago dirección Porto.

2018-08-21 - 20180821_CaminoPortuguesCosta_2