Espectáculo de maxia con Martín Camiña en Baiona

Dentro do ciclo “Cultura no Camiño” da Xunta de Galicia e incluído no programa “Baiverán 2018” a Praza do Concello de Baiona acollerá este mércores 22 de agosto un espectáculo de maxia da man do mago Martín Camiña a partir das 23:00 horas. “Feitizos e ilusións” mestura a sorpresa, o humor e a participación do público, percorrendo os diferentes estilos na arte da ilusión.

Feitizo é o conxunto de prácticas destinadas a conseguir un efecto máxico ou extraordinario. Quen non soñou con dominar elementos intanxibles como o fume, ou adiantarse ao pensamento de alguén, ou cambiar de cor as cousas?.

As mans producirán continuamente cartas, a luz desaparecerá para crear asombro sen ela. As cordas, panos, xornais, billetes, papeis ou o principio máxico de acción e reacción serán só algúns dos ingredientes deste feitizo, no que todos os momentos estarán recubertos pola música ou a palabra, que trasladarán ao espectador a un mundo máxico: o da emoción.