Anuncios
Ticker de novas

O CB Nigrán continúa crecendo unha tempada máis

O CB Nigrán inicia unha ilusionante e nova tempada na que segue crecendo, tal e como vén facendo desde que en 2014 comezou esta nova andaina. Un total de 10 equipos repartidos nas categorías baby, benxamín, alevín, infantil, cadete, júnior e sénior que comezarán os seus adestramentos de forma progresiva a próxima semana.

Esta nova tempada traerá tamén a algún adestrador máis co que xa están a manter conversacións e que cumpre co perfil que buscan desde o club, onde prima a formación integral de cada neno/a e a educación en valores, ademais dos resultados deportivos.

Esta nova incorporación sumaríase aos técnicos que xa forman parte do club, Paula Chousal, Daniel Fernández, Xavi Barra e Paco Termenón, que baixo a dirección deportiva de Nuria Gómez conformarán o corpo técnico do Club Baloncesto Nigrán esta tempada.

Desde o club consideran ademais importante a formación dos seus xogadores e xogadoras das categorías superiores como futuros adestradores da entidade, aspecto desde o que xa vén traballando desde a anterior tempada.

A directiva do club traballa xa desde esta semana na tramitación das máis de 100 fichas federativas que necesitan para esta tempada e que veñen atesourar o bo labor realizado no club, que se complementa coa continuidade e ampliación das diferentes escolas de baloncesto que o club ten nos colexios de Nigrán e que darán comezo a partir do próximo mes de outubro.

Anuncios