Anuncios
Ticker de novas

Nigrán pon o colofón ao verán co festival “Rock in Patos”

O Concello de Nigrán pon este sábado o broche de ouro a dous meses de eventos musicais co novo festival “Rock in Patos” dende as 19:00 horas no areal. Nesta primeira edición contará co grupo ferrolá Riff-Raff, recoñecidos como unha das mellores bandas nacionais de tributo a AC/DC, e con Kalambrazo, un dos grupos locais de rock máis respectados. No evento, no que colabora a Deputación de Pontevedra, non faltarán os food-trucks coa súa comida gourmet.

“Rock-in Patos é un festival que nace con vocación de permanencia, a idea é que peche cada ano a programación de verán do Concello de Nigrán e que estea dedicado ao rock, o xénero probablemente que máis seguidores ten e que máis grupos reúne na comarca”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que o festival “debe servir de plataforma para dar a coñecer ás bandas máis locais”. Ao igual que o Nigránjazz na Foz, o Vive Nigrán en Praia América-Lourido e o Solpor en Monteferro, Rock in Patos é unha oferta cultural e tamén unha posta en valor dos mellores escenarios naturais de Nigrán. Así, Rock in Patos debuta este verán, como foi o caso do Season Fest en Praia América e o Chan de Folk en Chandebrito.

O grupo ferrolán Riff-Raff, coñecido polas súas versións de AC/DC e que xa se relacionou con grandes do hard rock como Whitesnake, Los Suaves ou Rosendo, ofrecerá en Patos dende ás 22:30 un concerto que promete facer vibrar ata ao máis tranquilo do local. Anteriormente, dende ás 20:30 horas, actuará Kalambrazo.

Anuncios