Sin categoría

Nigrán, “campión do escurantismo e falta de transparencia na xestión económica” segundo UCN

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, denuncia publicamente que o alcalde Juan González -seis meses despois de finalizado o prazo-, aínda segue sen render as contas do pasado exercicio 2017, tal e como dispón o Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, que no seu art. 191.3 establece como data tope antes do día primeiro de marzo do exercicio seguinte, e que haberá de remitirse copia ao Ministerio de Facenda e Xunta de Galicia, antes do 31 de marzo (art.193.5 do citado texto legal), así como tamén a rendición da Conta Xeral antes do 15 de maio, “polo que será imposible remitir en prazo ao Consello de Contas, cos graves prexuízos económicos que poida supoñer para o Concello, non só na perda de subvencións da Xunta, senón tamén, na retención dos Fondos nos Tributos do Estado, o que demostra unha grave irresponsabilidade política por parte do alcalde Juan González”.

UCN presentará a próxima semana escrito de denuncia ante o Ministerio de Facenda, Xunta de Galicia e Consello de Contas, ao obxecto de que tomen cartas no asunto e obriguen ao rexedor a render as súas contas de forma inmediata, e no seu caso, depurar as posibles responsabilidades e prexuízos que puidesen ocasionarse por quebrantos económicos á Facenda Local na actuación de funcionarios e autoridades responsables, por culpa, dolo ou neglixencia graves nas súas actuacións, “dado o alarmante pasotismo do goberno local”.

UCN lembra que non só por imperativo legal hai que presentar as contas en prazo -a pesar de ignorar as reiteradas queixas nos últimos plenos-, senón tamén, para dar cumprimento e información ao cidadán, de acordo co disposto na Lei de Transparencia e Bo Goberno, “que lamentablemente este goberno parece ignorar e convertendo a Nigrán nun campión do escurantismo e falta de transparencia na xestión económica do goberno local socialista. Ou é que o alcalde ten medo a que a oposición lle fiscalice as contas?”.

Fernández Comesaña, non entende como un Concello que dispón de Interventor e Tesoureira -funcionarios con Habitación Nacional-, así como 9 funcionarios máis no departamento económico, sexa incapaz de cumprir en prazo coa rendición das súas contas, o que puidese ter repercusións negativas para os veciños, ao resultar case imposible poder dispoñer do Remanente de Tesourería -que poderá roldar os 5 millóns de euros-, para investir na execución de obras de vital importancia para os veciños e que ao alcalde parece non importarlle. “O partido independente cumpriu a súa parte de responsabilidade no acordo asinado, pero polo momento, non pode dicirse o mesmo do alcalde, o que debería levarlle a unha seria reflexión sobre a súa xestión política á fronte do Consistorio, e demostrar que os seus compromisos e acordos asinados non queden en papel mollado, pola contra, a súa credibilidade quedaría seriamente cuestionada”, conclúe o portavoz independente.