Baiona, preparada para acoller a 34º edición da carreira popular “Andar e Correr”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Carreira Pedestre Popular "Andar e Correr" de Baiona.

Baiona xa ten todo preparado para celebrar unha nova edición da carreira popular “Andar e Correr”, a gran cita deportiva do ano que transcorre polo Camiño Portugués pola Costa, unha ruta que foi declarada oficialmente como Ruta Xacobea hai agora dous anos. A proba organizada pola Concellería de Deportes e Actividades Marítimas pechou este mércores 15 de agosto ás 24:00 horas o prazo de inscricións cun gran éxito de convocatoria como vén sendo xa habitual.

O percorrido de “Andar e Correr” é de 10 quilómetros. A saída será ás 11:00 horas desde a entrada do Parador -xunto á Oficina de Turismo-. Os “runners” percorrerán as rúas do Centro Histórico da Vila Real. Ademais, os atletas tamén pasarán por diante de monumentos emblemáticos como o cruceiro da Santísima Trindade, Santa Liberata, rúa Conde ou a dura subida de San Antón, entre outros puntos de interese, ata alcanzar Baredo e regresar pola estrada da Guarda e o Rompeolas para finalizar no Parque da Palma.

En Baredo, entre os quilómetros 4 e 5, estará situado o punto de avituallamento e tamén un punto médico. Para os máis pequenos os percorridos da “Andar e Correr” serán na contorna do Parque da Palma entre as 10:00 e as 10:45 horas.

A recollida de dorsais será no Pavillón Municipal de Baiona os días 17 e 18 de agosto en horario de 9:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. Para os que non poidan pasarse antes polo recinto deportivo da Vila Real poden recoller o dorsal e o chip no mesmo lugar o día da carreira (19 de agosto) de 8:00 a 11:00 horas. Para recollelo é obrigatorio presentar o xustificante de pago.

A clasificación será absoluta e por categorías. Entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría e aos vencedores absolutos da carreira (masculino e feminino). Tamén recibirán un trofeo os primeiros baioneses clasificados (home e muller), que deberán estar empadroados no Concello desde xaneiro do ano en curso.

Deportistas da talla de Alejandro Gómez, Carlos Adán, Javier Gómez Noya, María Jesús Gestido ou Solange Pereira foron algúns dos gañadores desta carreira pedestre popular “Andar e Correr” que terá lugar este domingo 19 de agosto nas rúas de Baiona.

Os máis pequenos tamén teñen o seu protagonismo a mañá do domingo na Real Vila xa que a partir das 10:00 sairán a dar os seus mellores zancadas na contorna do Parque da Palma, repartidos nas seguintes categorías: 10:00 h Benxamíns (7 – 9 anos), cunha distancia de 750 metros, 10:10 h Alevín Masculino (10 – 12 anos), cunha distancia de 1.500 metros, 10:20 h Pre-benxamíns (5 – 6 anos), cunha distancia de 400 metros, 10:30 h Chupetes (4 a 2 anos), cunha distancia de 80 metros, 10:45 h Alevín Feminino (10-12 anos), cunha distancia de 1.500 metros.

Os servizos dos que dispón a carreira van desde o sistema informático para ofrecer tempos e clasificacións a todos os participantes, servizo de duchas no Complexo Deportivo de Aral-Fontiñas, Pavillón Municipal e as atencións médicas de ambulancia, médicos e Protección Civil, chegando a superar o centenar de persoas involucradas na organización e control da carreira.

Este domingo Baiona volverá gozar da festa do deporte para todos, así é coñecida a súa carreira popular “Andar e Correr”, que alcanza a súa 34º edición e que ano tras ano continúa gañando adeptos.

“A nosa popular carreira conta con gran arraigamento tanto entre os baionases, como na comunidade estival, como noutros deportistas de fóra do municipio que esperan con entusiasmo a celebración desta bonita proba que se converteu nunha cita ineludible do noso verán. É moi importante no deportivo, pero tamén o é a nivel turístico e económico. Os deportistas veñen acompañados polas súas familias que pasan todo o día na vila gozando de todo o que ofrece e consumindo nos locais polo que igualmente é unha iniciativa acollida con gran entusiasmo polos comerciartes da localidade”, destaca o alcalde, Ángel Rodal.

Anuncios