2.613 visitas, 31.497 páxinas e 349.992 impactos. Este é o resultado que rexistra o informe das estatísticas de uso da aplicación de turismo do Concello de Gondomar, durante o período anual de xullo 2017 a xullo 2018.
“Non deixa de sorprendernos a orixe das entradas por países. É lóxico que sobre un 60% das entradas proveña do Estado español. Tampouco sorprende que países europeos como Portugal, Alemaña, Francia ou o Reino Unido estean no Top 10 das entradas pero que EEUU se consolide na terceira praza ou que Corea do Sur, Perú, Filipinas ou Brasil estean entre os 10 países que nos visita, concretamente no 4º, 5º, 6º e 10º lugar, confirman o acerto de crear unha ferramenta dixital, sen fronteiras, para proxectar a Gondomar no mundo”, destaca o concelleiro de Turismo, Xosé Antón Araúxo.
Un Gondomar trazado por tres grandes eixos: paisaxe, cultura e deporte na contorna natural. Precisamente un dos maiores logros e seguimento da aplicación está na promoción que se fai de Gondomar, dende a web especializada en sendeirismo “Wikiloc”, onde as rutas de Gondomar, teñen sido recomendadas nos resultados de busca dos usuarios, 73.250 veces.
“A nosa conclusión é que Gondomar, ten unha contorna natural, que convenientemente traballada, vainos dar moitas alegrías no futuro, como imán que atrae a persoas dun perfil definido de estreito relacionamento coa natureza e que nos vai outorgar unha calidade de vida mellor aos que aquí vivimos. Coidalo e difundilo, seguirá a ser a noso empeño”, conclúe Araúxo.
Na actualidade a aplicación vén de actualizarse ofrecendo información en novas linguas, hoxe pódese consultar a aplicación de turismo de Gondomar ademais de en galego, inglés e castelán, en catalán e francés. A aplicación de turismo pódese descargar en turismo.concellodegondomar.gal.

