20 anos de Prado Surf Escola na Praia de Patos

O vindeiro venres 17 de agosto, Prado Surf Escola celebra os seus vinte anos de vida na Praia de Patos (Nigrán), cunha festa que durará todo o día e na que haberá moito surf, música, ioga e moito máis.

En 1998 nace Prado Surf Escola, un coche e unhas táboas de surf foron suficientes para empezar a dar clases aos pequenos surfeiros. Vinte anos despois máis de 50.000 mozos e mozas aprenderon a surfear nalgunha das catro escolas: Patos (Nigrán), A Lanzada (O Grove), Sabón (Arteixo) e Bastiagueiro (Oleiros). Entre os seus alumnos pasaron actores como Macarena García e Álex González, o cociñeiro de dúas estrelas michelin Diego Guerrero ou Juan José García Cota actual médico do RC Celta e a selección española.

O vindeiro venres día 17 de agosto a escola conmemora estes 20 anos cunha gran festa, un día para celebrar que o surf non é só un deporte, senón tamén un estilo de vida. O día estará cargado de actividades, ioga, bautismos de pádel surf, sesión vermú coa actuación en directo de Blue Monk, espectáculo de maxia e festa da escuma para os máis pequenos. A festa alongarase ata a medianoite cun DJ Gus-G e unha actuación sorpresa. Os asistentes poderán repoñer forzas nos foodtrucks da taquería Chac Mool, bocadillos de autor e os mini donuts de Dots.

O campionato de surf dos noveis contará con participantes desde os 7 ata os 14 anos. Ademais, pola tarde celebrarase o campionato especial “3 Xeracións”, ex alumnos da escola dos últimos vinte anos volverán verse as caras no mar. Ás 20:00 h será a entrega de premios, que este ano se fai en colaboración con Just the Sea, o primeiro proxecto desenvolvido en España que ofrece produtos inspirados e comprometidos co mar e a tenda Waira Surf.

A Fundación Ecomar apoia á escola neste evento para promover entre os máis pequenos a concienciación dun desenvolvemento máis sustentable e respectuoso co medioambiente.

A festa XX Aniversario de Prado Surf Escola non sería posible sen a axuda de Alumisel, Solo imprenta e Nipon mobil, Just the sea, Karün, Nordesia, Waira, Fundación Ecomar e Concello de Nigrán.

20 ANIVERSARIO PRADO SURF PATOS

Anuncios