Últimos días para a presentación de candidaturas para integrar a brigada contra incendios de Nigrán

O Concello de Nigrán pecha este xoves 16 de agosto o prazo de presentación de candidaturas para a selección dun capataz e catro peóns que integrarán a primeira brigada de prevención e extinción de incendios do municipio. O período do contrato é de 3 meses e o salario de 1.712,15 € e 1.608,43 €. Os interesados dispoñen de toda a información na http://sede.nigran.org e a presentación de solicitudes debe facerse no Rexistro Xeral do Concello de Nigrán.

Esta é a primeira brigada de defensa e prevención de incendios no municipio creada tras asinar un convenio coa Consellería de Medio Rural. Os cartos aportados dende o Concello corresponden ao aluguer de todoterreo (3.000 €), combustible (5.000 €), adquisición de ferramentas (5.000 €), conservación do equipamento (2.000 €), formación (1.000 €), equipos de protección individual (4.000 €) e maquinaria para a xestión da biomasa (5.000 €). A brigada, composta por un xefe e catro peóns-condutores, crease ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Consellería do Medio Rural no que ambas administracións investirán outros 27.000€ en concepto de salarios, sumando 52.000€ de investimento contra o lume.

Anuncios