O mercado de Sabarís convértese na estrela de todos os luns de verán

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Durante os meses de verán a densidade de clientes e curiosos é tal que pode resultar complicado camiñar dun posto de venda a outro.

Con máis de 520 anos ás súas costas, o mercado de Sabarís é sen dúbida o máis grande de toda a comarca e un dos que máis historia ten de Galicia. Miles de persoas achéganse todos os luns para facer as súas compras ao situado na rúa Julián Valverde e que tras a última ampliación a cifra dos seus postos ascendeu ata 220. Coa chegada do verán o aumento dos habitantes da comarca crece exponencialmente, así como a densidade de clientes e curiosos que se achegan ao da parroquia baionesa. E é que de xuño a outubro acudir á feira pode chegar a converterse nunha aventura e os coches que circulan habitualmente polo principal viario da parroquia dan paso a unha marabunta de persoas que fan difícil a chegada aos diferentes puntos de venda ambulantes. Proba diso son as colas quilométricas de vehículos que se concentran tanto en dirección Baiona como en dirección Nigrán, e que non cesan ata pasada a unha do mediodía.

Os comerciantes chegan desde diversos puntos da provincia e aínda que é certo que no inverno se poden observar prazas vacantes no verán isto non ocorre, máis ben todo o contrario. O posto con máis carisma do mercado é precisamente o primeiro deles, se se accede ao mesmo desde a rotonda de Ramallosa. O seu volume de venda é tal que levan a mercadoría nun tráiler aínda que non todo é froita e vexetais. Tamén se pode atopar gran variedade en pezas de roupa, bolsos, complementos, xoguetes, bixutería, as mellores seleccións de queixos feitos artesanalmente, tradicionais rosquillas de follado, doces en xeral, todas as partes do porco en salgadura ou moitos tipos de friame, entre outros produtos. Os vendedores que se instalan alí fano con graza e non se cansan de entoar os seus pareados predicando aos catro ventos as súas ofertas, ata o punto que moitos dos que pasan pola zona non poden aguantar as gargalladas produto das súas ocorrencias.

Está constatado que o mercado de Sabarís funciona como dinamizador económico da zona, xa que a xente que se achega a realizar as súas compras en moitas ocasións aproveita para tomar café ou entrar nos establecementos situados aos dous lados da rúa e que se estenden á súa vez pola praza Victoria Cadaval.

O mercado recupérase ao 100% de ocupación

Despois do baixón rexistrado nos últimos anos o mercado da parroquia baionesa volve superar os 200 puntos de venda ambulantes. En concreto un total de 220 postos completan a oferta de todos os luns tras adxudicarse outros 73 fai apenas tres meses, que se sumaron aos 156 licitados en 2017.

Unha feira ambulante con 521 anos de historia

O de Sabarís é un claro exemplo de como a tradición pode perdurar ao longo dos séculos enfrontándose mesmo ás leis da época. E é que o mercado actual ten as súas orixes na clandestinidade, e aínda que non está moi claro o ano exacto da súa constitución, este mantívose froito da desconformidade dos veciños despois de que a carta poboa asinada polos reis Católicos en 1497, outorgase o privilexio de celebrar todos os luns unha feira no alto da península de Monte Boi prohibindo o da “Vila Vella”. Este emprazamento é interpretado por moitos como as aforas da muralla xa que hai indicios dun antigo mercado que se instalaba no actual parque da Palma, pero outros o relacionan coa actual parroquia baionesa.