Anuncios
Ticker de novas

Nigrán dota de desfibriladores a todos os postos de socorrismo das súas praias

O Concello de Nigrán vén de dotar de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) a todos os postos de socorrismo das súas praias, en total trátase de catro aparatos eléctricos portátiles situados en Praia América (2), Panxón (1) e Patos (1) e ao que se suma o que xa dispón Protección Civil no seu vehículo. Deste xeito, os principais areais do municipio e os que maior aglomeración de xente concentran, agora son tamén lugares cardioprotexidos.

“Aínda que a medida non é obrigatoria, dende o Concello de Nigrán a consideramos crucial porque en caso de infarto o rápido acceso ao desfibrilador pode ser a diferenza entre vivir ou non”, destaca Rubén Rial, edil de Seguridade Cidadá, quen sinala que, precisamente, en todos os postos de socorrismo de Nigrán hai persoal especialmente formado para poder empregar o DESA. Estes catro aparatos alugados polo Concello de Nigrán para a tempada de verán emiten a descarga e guían durante toda a reanimación indicando se a velocidade e profundidade das compresións son as adecuadas.

O DESA é moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que en gran porcentaxe son debidos a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o axeitando, logrando estes equipos restablecelo. A súa efectividade é máxima no momento inicial, polo que é especialmente recomendable dispor de desfibriladores en lugares moi concorridos, como é o caso das praias, onde todos os veráns se produce algún episodio de infarto (sendo incluso máis común que o afogamento).

Anuncios