Sin categoría

Os alumnos do obradoiro “Coidando Miñor” limpan a fondo o Pavillón de Deportes de Baiona

Un grupo de 10 persoas participantes no obradoiro de emprego “Coidando Miñor” promovido pola Xunta de Galicia, no que se está formando alumnado dos tres municipios do Val Miñor nas especialidades de limpeza de superficie e locais, desprazáronse ata o Pavillón Municipal de Deportes de Baiona para poñer en práctica o aprendido e facer unha limpeza a fondo das instalacións.

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona coordinouse co profesorado que imparte o obradoiro para levar a cabo unha limpeza en profundidade nas instalacións. A limpeza implicou unha variedade de tarefas, que van desde a limpeza xeral dos espazos comúns ata a hixiene específica dos equipos de exercicio. Manter as instalacións deportivas limpas e hixienizadas é esencial para garantir a seguridade e o benestar dos usuarios.

Realizouse un intenso traballo de limpeza nos vestiarios, os aseos, as oficinas, a pista do pavillón polideportivo, a pista de pádel, as bancadas, así como a sala de máquinas e a distinta maquinaria. Tamén se hixienizou a sala de actividades e o material que se utiliza nas distintas especialidades deportivas que se imparten no Pavillón Municipal de Baiona. Igualmente, os cristais das distintas salas e os teitos foron obxecto de traballo a conciencia.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, quere mostrar o seu agradecemento ás persoas implicadas nestas tarefas, “que traballaron intensamente na limpeza do Pavillón Deportivo Municipal, unha instalación pola que pasan moitos veciños e veciñas de Baiona a practicar deporte”.