Anuncios
Ticker de novas

As “Kermesses” de Antón Pulido expóñense en Baiona

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // O recoñecido pintor pousa xunto a unha das súas creacións que locen no edifico de Capitanía Marítima.

Alegría, diversión, idas e vindas, ritmo, dramas ou frustracións, son algúns dos elementos da vida que o consagrado pintor Antón Pulido transmite a través das súas pinceladas. A exposición “Kermesse” nace precisamente como unha síntese de todo aquilo que conforma ao ser humano “co bo e o malo”, explicou o artista ourensán de nacemento, fincado en Vigo e veraneante de Baiona desde que tiña un ano. O termo elixido para titular a súa mostra fai referencia á maneira pura e sincera de gozar a existencia que ten a súa orixe en Francia. En concreto refírese ás pinturas flamencas do S. XVII que representan festas populares, que para Pulido serven como instrumento co que exteriorizar a súa maneira de pensar.

A de Baiona atópase a disposición dos que o desexen no edificio de Capitanía Marítima ata o próximo 3 de setembro de 7 a 22 horas, cun percorrido composto por 28 creacións realizadas o longo de 15 anos pero cunha finalidade concreta, ofrecer unha visión aberta do mundo e no que o subxetivismo prima en todas elas. “Os meus traballos reflicten o que cada un sente, significan todo ou nada e para cada persoa é diferente. O que busco na miña obra é precisamente unha interpretación aberta das mesmas”, explicou o artista.

Como a maioría dos pintores, Pulido pasou por diferentes épocas ou estilos na súa vida como o impresionismo ou o expresionismo ata que finalmente atopou o seu propio. Unha maneira de transmitir a realidade que estriba no ritmo, abstracción, xestos ou colorido. Este último elemento é para el un dos seus maiores hándicaps á hora de crear, aínda que unha vez realiza varios bosquexos afirmou non dubidar á hora de pasalos ao lenzo. “A elección das tonalidades é o que máis tempo lévame pero unha vez comezo lévoo ata o final, nunca rompo e volvo empezar de cero. Digamos que teño unha imaxe clara na miña cabeza do que quero”, engadiu. Utiliza técnicas mixtas mesturando por exemplo a colaxe con acrílica, e as dimensións das súas obras van desde 50×50 centímetros ata 4×2 metros.

As súas creacións viaxaron por países tan variados do globo por exemplo Shanghái, Pequín ou Seúl, aínda que agora mesmo estase preparando para expoñer en Roma e Nova York, todas elas coa mesma temática como nexo de unión. Cando lle preguntan non dubida e asegura que Baiona para el é o seu “Kermés” particular, “a primeira e máis importante de todas”. “A luz que transmite, o seu cheiro a mar e algas fascíname”, mantivo. O artista sérvese de calquera superficie para dar renda solta á súa creatividade e así o fixo na “praza das Apertas” en Vigo. “Pasou de ser unha esquina lúgubre do barrio de Peniche a unha festa”, finalizou.

Anuncios