Anuncios
Ticker de novas

Angulo volveu rematar ao pau en Oviedo

Segundo posto por equipos para o Club Ciclista Rías Baixas na xeral final da Volta a Vetusta e segunda posición para Antonio “Chava” Angulo na última etapa. O cántabro volveu quedar co mel nos beizos en Oviedo. A súa vitoria supoñería a guinda á sobresaliente actuación da estrutura presidida por José Luis Chamorro nesta rolda, na que Cristian Cuervo brillou na subida do sábado ao infernal Angliru.

A segunda xornada desta challenge, puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo, resolveuse ao sprint tras 161,5 quilómetros con inicio e final na capital do Principado. Os corredores do Club Ciclista Rías Baixas, xunto a outros equipos, traballaron de principio a fin á fronte do pelotón para garantir a chegada masiva nas rúas de Oviedo.

Julen Amarika (Telco’m) foi o máis forte nos metros finais, superando a Angulo e a outro corredor con pasado en profesionais como Daniel Viejo (Selección Asturiana). “Chava” rematou ao poste en tres do seu últimos catro días de competición. Logrou a terceira praza na última etapa da Volta a León e a segunda no Memorial Santiesteban.

Cuervo, quinto no Angliru

Entre os corredores que cruzaron a liña de meta co mesmo tempo que o gañador estivo Cristian Cuervo. O colombiano certificou así o seu quinto posto na xeral, a posición que ocupara o día anterior na ascensión ao Angliru. O “escaravello” da formación miñorana sacou a relucir os seus dotes de escalador na temible subida de 12 quilómetros, con ramplas que superan o 23%.

Cuervo alcanzou a cima do Angliru 3 minutos e 19 segundos despois que o ucraíno Anatolii Budiak (ULB), vencedor final da Volta a Vetusta, e liderou a actuación do Club Ciclista Rías Baixas, que clasificou a tres representantes entre os 15 primeiros. Con Ignacio Zamanillo 12º e Angulo 13º, os pupilos de Iván Rodríguez tan só foron superados polo conxunto Lizarte na táboa por equipos.

Anuncios